Algo cambia en Galicia


Fermín Bouza.-

O cálculo do voto exterior en Galicia modifica sensiblemente as cifras de participación (é de lamentar que desde o principio non se usase o mesmo criterio, á espera dos resultados, e iso explica a repentina recuperación da participación ao final do día das eleccións) pero nada se move no fondo, pois apenas algo máis do 3% dos galegos censados no exterior exerceron o dereito a voto, sen influír en nada.

Este criterio final aínda non se recolle nas cifras oficiais provisionais. As análises seguen sendo válidas, e a perda de terreo do PP nas cidades (nunhas máis e noutras menos, pero en todas era previsible que se comportase moito mellor) é unha dura realidade que amarga a vitoria deste partido.

A metade dos poucos votos do exterior van ao PP, e o resto aos demais, sobre todo ao PSdeG, AGE e BNG. Pechadas estas autonómicas, Galicia pasa ao laboratorio do futuro con algunhas cousas novas pero en liña con similares cuestións no resto do reino: caída do PSOE, certa crise do nacionalismo clásico (BNG) por ampliación da súa base en novas siglas (AGE) desde a esquerda tamén clásica (EU/PSdeG), retroceso da dereita non menos clásica (PP) que aínda non perde e aférrase ao cinto rural de voto, así como certa caída da participación pola desafección baixo diversas formas, de tal maneira que se se conta o voto emigrante en Galicia esa participación andará ao redor do 55%.

Os efectos colaterais de todo iso ímolos ver, pero probablemente levarán consigo, na esquerda, máis desunión e máis problemas. Ai dos vencidos! Xa se están desfacendo coalicións municipais de goberno (Ourense). O BNG xa sabe que debe cambiar. O PSdeG debe acompañar a súa autocritica dun claro código de bos costumes. AGE debe manter o sentido común político e seguir creando ilusión e ganas. Por aí. O PP, como se dixo, entra en decadencia de novo nas cidades. Algo lle pasa. A esquerda e o nacionalismo, que navegan xuntos, gañaron en todas elas, tamén nas menos agardadas. As novas clases medias emerxentes volven mirar á esquerda, os labregos regresan á dereita. Algo está a cambiar.

Pronto os vellos esquemas xa non servirán para nada.

01/11/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión