Antón do Rebacholo


Xulio Xiz.-

Falaba estoutro día dos alcumes vilalbeses –especialmente a amplísima familia dos paxaros- que tiñan en tempos moita máis importancia que os mesmos nomes, facendo esquecer aqueles como non fose para as xestións nos organismos oficiais, para a partida do bautismo ou para a acta de defunción, e a conseguinte esquela no xornal, ademais de leida na radio.

E nesto que hai uns días vexo na Voz de Galicia a esquela do vilalbés Antonio Fraga Lodeiro. Os apelidos soábanme, pero moito máis coñecía o seu alcume, sobrenome, auténtico nome propio de ANTÓN DO REBACHOLO, que na esquela figuraba para axudar á identificación do amigo vilalbés que se nos foi.

Antón é o último dos grandes da música de Vilalba que xa non están físicamente entre nós. Como os outros grandes – Papá Toñito, o Roquiña, Pepe Guntín e tantos outros- eran a verdadeira demostración de que Vilalba foi moi grande no eido musical, primeiro nas bandas de música, logo nas orquestas, e por fin na Coral polifónica. E Antón do Rebacholo formou parteben importante da Banda, das orquestas, da antiga Masa Coral Villalbesa como o foi despois da Coral Polifónica de Vilalba, na que a súa fonda e poderosa voz tiña un lugar reservado desde que eu teño memoria.

A Antón do Rebacholo a saúde retirouno antes de tempo, que el estaba chamado a perdurar moito tempo sendo parte fundamental da nosa Polifónica, pero problemas de saúde arredárono hai uns dez anos das actuacións e dos ensaios habituais da coral, pero en todo momento –aínda na súa ausencia- el estaba presente porque con todos os compoñentes do colectivo tiña unha amizade fraternal. Como a tiña comigo, como veciño, e como socio de honra da Polifónica de Vilalba.

Vaia para toda a súa familia, e para a Coral, o meu máis sentido pésame pola perda familiar sufrida. E para Vilalba, o sentimento de perda dunha figura inesquecible do noso mundo musical, o último dos grandes, aqueles que fixeron música nos tempos difíciles onde todo era escaso menos o entusiasmo, e que para os vilalbeses de agora son exemplo –desde agora máis lonxano- do amor por Vilalba e pola música.

Deixo aquí a miña lembranza de amizade por Antón do Rebacholo, que no carnet de identidade aparecía chamándose Antonio Fraga Lodeiro, un destacado vilalbés, un excelente músico, un magnífico cantor.

05/11/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión