Da Boule D´Or ao Madrid Arena

Fermín Bouza.-

Coñecín a Agustín García Calvo na Boule D´Or, no seu singular faladoiro parisiense e rodeado de exilados ou semiexilados españois, xentes que pasaban por alí ou que estaban con certa estabilidade en París.

Era un lugar de culto. Non sabería dicir que clase de culto, pero algo entre a sabedoría presocrática, o anarquismo cultural, o antifranquismo máis complexo e quizá a física e a matemática recreativas.

Eu só fun unha vez a ese acto iniciático reiterado, pero gardo un bo recordo de Agustín, a súa palabra e o seu sentido máis ben tráxico das relacións sociais, humanas, políticas, de todas, digamos: o home como exilado no planeta Terra desde unha historia pasada á que habería que volver, unha historia de deuses e xardíns da alma. Algo así, algo interesante, rico e literariamente libertario.

Non é estraño que o réxime vixente, aquela banda de cafres sentada sobre un millón de mortos, lle tivese un pánico cerval. Un día si e outro tamén aparecía na prensa ou no boca a boca por algunha cousa rara, que se sacrificaba pombas, que se as pombas eran mulleres, que se... en fin, aquelas memeces da época. Descanse en paz.

Non sería en balde e as súas cousas seguiranse lendo e darán para quen sabe que soños. Acompáñano na viaxe ao outro mundo tres mozas que foron vítimas da barbarie colectiva na que se pretenden afogar as penas da mocidade, novas vítimas da falta de previsión e o sálvese quen poida dun ridículo sistema de seguridade que só é eficaz reprimindo. Non se pode dicir en serio o que di a señora Cifuentes sobre a atención individualizada: é un escarnio.

Que descansen en paz Agustín e as mozas. Por alí verémonos todos.

4 de nov. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión