Feos


Bruno Marcos.-

Díxoo hai pouco un outsider como Arturo Fernández: "Os que van ás manifestacións son feos". Claro que el descoñece a dimensión estética do seu apuntamento. Para arranxalo, e pensando que o grave era a súa superficialidade, engadiu que eran feos por fóra e por dentro. Se non fose porque en España ninguén se toma en serio a un señor como Arturo Fernández que vai pola vida confundindo o seu personaxe coa súa realidade, a súa broma coa súa verdade, sacaríanse importantes conclusións.

Na novela Madrid de corte a checa hai unha pasaxe sorprendente e absurda, trátase da descrición das turbas que avanzan polas rúas de Madrid até o Palacio de Oriente para expulsar de España ao rei Alfonso XXIII. Agustín de Foxá di o mesmo que Arturo Fernández, substancialmente, que aquela masa estaba composta por xentes deformes, enfermos, tullidos, ananos, resentidos, mezquinos, brutáns, en definitiva, feos. Non se me escapa que o conde coñecía as teorías do esperpento de Valle Inclán porque, coido lembrar, que o libro comeza precisamente nunha conferencia do autor galego no Ateneo. O caso é que a volta que Foxá lle da á técnica do esperpento é desconcertante porque se Valle falaba de facer pasar aos heroes clásicos polos vidros do canellón do gato para esaxerar os seus defectos e facelos máis patentes, o conde fai pasar aos xa deformes pola súa óptica deformante, ensañándose con eles no que poderiamos cualificar dun hiperrealismo mal intencionado. Vese que Foxá non entendeu nada do esperpento porque devolve a realidade ao momento de partida.

Tanto o conde de Foxá como o maduro galán Fernández fálannos do evidente, que a xente que se bota á rúa a manifestarse aínda que en orixe fose guapa, cos desgustos, vólvese fea.

27/11/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión