Gústame Catalunya


Ramón Chao.- Os cataláns no se deixaron engatusar. A menos de que ocorra o que está a pasar en Francia, co seu fraude electoral, prevalecéu o bo sentido popular, como se o “seny” cambiara de campo. Era moito pedir que o pobo catalán (e de fora) ofrecera á burguesía a corda para que o colgaran. Toda a demagoxia, vociferacións, bramidos e ameazas de Mas caeron en ouvidos xordos; acaso non sabe que os traballadores, os empregados e os obreiros de Catalunya son tamén galegos, murcianos, andaluces, estremeños…?  Refírome aos que votan, sen contar aos subsaharianos.

Tiñan que saber -Pujol, Mas e a grande burguesía catalá- que para gañar unhas eleccións ten que estar implicado o pobo, como aconteceu coa aprobación do Estatuto galego en 1936. Con fábricas, empresas, multinacionáis, recorte e miseria, pódese gobernar con dictaduras, mais que non agarden o apoio dos máis desventurados. Diránme que así subiu Hitler ao poder, e máis Mussollini, como quixo facer Franco, pero a este costoulle un bon millón de mortos… e un trauma para España que aínda dura hoxe.

Estou feliz de que Catalunya fique connosco. Gústanme os cataláns, porque ao longo da súa historia acolleron e integraron a íberos, fenicios, cartaxineses, gregos, romanos, xudeos, árabes e toda clase de charnegos e sudacas. Gústanme porque o 7 de abril de 1249, o rei Xaime I nomeou a catro prohomes de Barcelona (os paers) para dirimir os conflitos da cidade sen loitas nen violencia. Aqueles homes ilustrados, que pasaron a cen en 1265 (o Consell de Cent) comezaron o sistema de goberno municipal de Barcelona. Grazas a eles reinou a concordia, e antes de coller as armas elixiron sempre manexar  a razón.

Gústanme os cataláns porque en toda a súa historia non gañaron ningunha guerra, e aínda por riba deulles por elixir como festa nacional unha das batallas que perderon en 1714, fronte ás tropas de Felipe V de Borbón. Gústanme os cataláns porque teñen de emblema un burro terco, traballador e reflexivo, ben lonxe do touro ibérico, cuxas bravas e cegas embestidas lévanno a morte.

Gústame Catalunya porque alí don Quixote recobrou o sentido; tería moita mágoa se o inxenioso cabaleiro morrera tolo. E gústame Catalunya, en definitiva, porque un dos meus fillos elixiu a súa capital para vivir nela, por ser unha cidade aberta, tolerante e discreta.

25/11/2012

1 comentários :

Danos a túa opinión