Manifestación contra as taxas xudiciais

Redacción.-

Inauguramos esta sección na que poderán lerse informacións sacadas da rede (blogs, webs, foros...), pero non necesariamente de xornais dixitais. Neste caso a informacion está tomada da web do ilustre colexio de Avogados de Ourense: http://www.icaourense.org/


Manifestación dos avogados contra as taxas xudiciais

Con desprezo do principio constitucional de tutela xudicial efectiva, o Goberno pretende aliviar a carga de traballo dos tribunais polo método antidemocrático de restaurar as taxas, que foran abolidas en 1986.
O acceso ao Xuiz vai resultar moi oneroso nalgúns casos (exemplo: apelación, taxa = 800 €) e imposible, noutros (exemplo: recurso contra unha multa de 100 €, taxa = 200)
Definitivamente, a 2ª e ulteriores instancias son tratadas economicamente coma un puro capricho do consumidor, ata ao punto de que, por primeira vez na historia, imponse unha taxa para os recursos de suplicación en materia laboral.
A diferenza con gravames semellantes – depósitos – a taxa é un tributo que non está suxeito a devolución no caso de progresar a acción procesual, senón que ingresa definitivamente no erario público.
O proxecto de lei mereceu a crítica do CGPJ, de tódalas asociacións de xuíces, do Consejo de Estado e do Consejo General de la Abogacía Española, ao cal non se lle deu o trámite de audiencia.
A opinión pública debe reparar no feito de que a vítima deste abuso e a cidadanía que - logo de ter sufragado o custo da Admón. de Xustiza cos seus impostos - cando lle toque valerse dela, vai topar contra un obstáculo económico que se lle opón intencionadamente, posto que o Ministerio xa defende a súa iniciativa precisamente polo efecto disuasorio que se lle vaticina. Non se formará a máis xuíces, senón que se lle poñerán barreiras a aqueles cidadáns que non poidan aspirar á xustiza gratuíta.

O CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA e os 7 Colexios de Galicia convocan concentracións de protesta no punto máis emblemático para a Administración de Xustiza en cada Partido xudicial, para levalas a cabo:
Venres, 9 de novembro
Ás 12 horas
EN DEFENSA DA CIDADANIA, NON AS TASAS XUDICIAIS.
Consello da Avogacía Galega

08/11/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión