'Todo o que poida desertar', en Vigo


Redacción.-

Por segunda vez expón Fernando José Pereira (O Porto, 1961) na galería adhoc, de Vigo desde 20 de setembro ata o 9 de decembro de 2012. Na súa exposición Todo o que poida desertar móstrase o seu traballo máis recente , realizado durante a súa última residencia no centro de artes visuais Skaftfell en Islandia, e comprende entre outras obras, unha interesante serie de debuxos en grafito e o vídeo The Man who wanted to collect Estafe.

Os debuxos que agora se expoñen son concibidos polo artista como unha continuación lóxica das series dos últimos anos, pero nunha escala máis intimista. Nos traballos anteriores, a medida de gran formato e o carácter fragmentario facían deles elementos de ficcións, considerados como fotogramas dun vídeo imaxinario. Na súa nova serie, mantense certa conexión con estas cuestións (por exemplo no troquelado lateral do papel, como metáfora das perforacións laterais do celuloide das películas) pero teñen a posibilidade de "vivir" sós, sen necesitar da idea de grupo para que funcionen.

Hai tamén outras cuestións que confiren a estes debuxos un carácter máis íntimo, por exemplo o recurso técnico consistente no cruzamento obsesivo de liñas trazadas con grafito que forman unha certa textura luminosa, sempre acompañada de frases moi enigmáticas pero non herméticas ou filosóficas. As frases son apropiacións de diálogos de artistas sacados do contexto, que introducen nos traballos elementos de significación e que así se sitúan máis aló do efecto formal. Nalgúns destes debuxos, a incorporación de elementos dos "media", a modo de collage, produce unha aproximación ao real e afástaos do hermetismo.

O vídeo de Fernando José Pereira, titulado The Man who wanted to collect Time tenta reflectir a peculiar sensación de lentitude do tempo que se experimenta nalgúns lugares. A noción de lugar é unha idea que conduce á de identidade e por tanto á de memoria. O lugar onde está filmado o vídeo é un lugar de memorias intensas. Lugar alegórico, no que se atopan as ruínas dunha fábrica, destruída por unha avalancha de neve en 1995. Estas ruínas están localizadas nun pobo illado no norte de Islandia e son propiedade de dous irmáns que teñen unha forte paixón pola idea de ruína. Compraron a fábrica despois da avalancha e mantéñena alí como ruína visible do acontecemento. É dicir, ao revés do que ocorre no mundo global onde o normal é facer desaparecer o máis rápido posible os elementos en desuso para substituílos por outros novos, nunha dialéctica propia do capitalismo, aquí as cousas teñen un tempo propio para desaparecer: o seu tempo de conexión co tempo histórico.

The Man who wanted to collect Estafe é unha especie de "viaxe" polas ruínas levado a cabo por un personaxe que tenta determinar esa idea abstracta de coleccionar o tempo en situación adversa, é dicir nunha situación en que todos os días, todas as horas, todos os minutos, todos os segundos, como se nos lembra no vídeo, somos advertidos da expansión imparable do espazo cara á conquista global e a aniquilación do tempo xa en compresión acelerada.

Nota: A realidade, ás veces, imponse. As ruínas da fábrica producidas despois da avalancha de neve, permaneceran in situ durante os últimos 16 anos, pero durante o período de filmación foron practicamente arrasadas por unha forte borrasca, e por iso, as imaxes finais do vídeo mostran outra ruína máis arruinada aínda.

adhoc
rúa joaquín loriga, 9. 36203 vigo. españa. Tel: + 34 986228656
info@adhocgaleria.com / www.adhocgaleria.com

23/11/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión