Un bo agoiro desde América

Fermín Bouza.-


Fun durmir sobre as 4 da madrugada e as cousas seguían no aire, cunha vantaxe demócrata que auguraba unha apertada vitoria final para a Presidencia, unha vitoria demócrata no Senado, e unha minoría demócrata na Cámara de Representantes. Así foi, salvo que a vantaxe en votos populares, sobre dous millóns de votos máis de Obama sobre Romney, foi superior ao esperado.

A América interior e profunda segue aí e en calquera momento pode golpear e pór toda clase de obstáculos. En calquera momento pode gañar, e para iso debe haber claros sinais de cambio no Partido Republicano, pero mentres o Tea Party siga marcando o clima interior os republicanos teñen máis difícil a vitoria. O Tea Party non só é a América profunda e puritana no sentido habitual: é a América máis reaccionaria instalada nesa decisiva centralidade do mundo que son os EEUU. Dá moito medo a moita xente. O Tea Party é un gran lastre para os republicanos.

Afortunadamente para todos gañou Obama. Ninguén é perfecto, por suposto, pero é a mellor opción e con ela as cousas serán menos dramáticas para o resto do mundo. Podería estar a marcar o final do fatal ciclo conservador que levou as economías europeas a unha situación insoportable. USA volveu a votar outra cousa. Que sexa un bo agoiro para todos.

Da esperanza á Esperanza

A dereita norteamericana entra desde agora nun difícil calexón no que ten que haber unha saída que non é fácil de atopar. Debe elixir entre seguir sendo a difusora dunha moral hipócrita e antiga ao servizo dun mundo ido, ou ser, sinxelamente, unha alternativa de modelo económico, sobre todo, mentres a moral e a cultura vanse facendo ideoloxicamente moito máis transversais, como en todo o mundo correctamente evolucionado, de tal maneira que cando un elixe certas estratexias económicas non teña que elixir entre deus e o diaño.

Unha parte substancial da moral non é propia dunha ideoloxía. En USA votar republicano é como votar o máis retrógrado en todos os sentidos, incluídos os restos de racismo correspondentes aos novos inmigrantes e cousas desa especie.

Con Obama renóvase unha esperanza necesaria para un gran país que ás veces se sae da súa mellor ruta. No Reino de España pasa algo parecido, e votar á dereita converteuse nun exercicio de contrición pública polo cal acabas renunciando a calquera avance cívico en nome, supostamente, da ortodoxia romana.

A situación americana era óptima para que gañase o Partido Republicano. Perdeu: dan medo, aínda que o electorado tamén usa ese voto á Cámara (Casa ou House) de Representantes para asustar a Obama e aos seus posibles impostos. Obama non comunicou ben a súa política fiscal cara ás grandes fortunas. A pesar de todo, os republicanos perderon e están en plena crise de identidade. Se gañan a crise os máis próximos ao Tea Party, malo para os republicanos e malo para todos nós, pois antes ou despois podemos recibir esa onda. Hoxe vin tristóns aos portavoces mediáticos da nosa estraña dereita, na que Esperanza Aguirre volve a intrigar. Ollo, Mariano.

08/11/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión