Uxío García Amor


Xulio Xiz.-

O pasado 17 de novembro, rendeuse homenaxe a don Uxío, crego vilalbés, nomeándoo Chairego de Honra, a iniciativa da asociación cultural Xermolos e
a Fundación Manuel María da Terra Chá. Había ben xente. Pero aínda podería haber máis. E veu xente de Mondoñedo, da Costa, da Coruña... E, naturalmente, de Vilalba.

O certo é que a este home modesto, sinxelo, servicial, leva décadas merecendo homenaxes. Eu souben del hai corenta anos ou máis cando dirixía o Orfeón de Obreiros Católicos de Mondoñedo, e o coro publicou o que entón se chamaba “long play”, o primeiro que un coro lucense publicaba.

Logo soubemos que puido ser bispo e non quixo, administrou a diocese durante un interregno bispal, impulsou o galego e a cultura, protexeu iniciativas culturais... e podendo ter un lugar na Curia do Bispado de
Mondoñedo onde vivir un apacible retiro aos seus 84 anos, é feliz en Vilalba servindo á xente, como antes o foi nas Pontes e as sùas aldeas, e antes tamén en Muras. O de irse de párroco rural pode parecer un castigo
para un cura da súa talla intelectual e da súa traxectoria, pero para el seguro que considera que é un premio, e manifesta estar na gloria.

A Vilalba tocoulle a lotería dúas veces, se se me permite a expresión: Unha, cando Antonio, o crego de Santaballa, trouxo a sorte en forma de participacións nun número que resultou premiado un Nadal xa lonxano. Outra, cando Uxío García Amor foi destinado á nosa vila, aceptou dirixir a Coral Polifónica sen ningunha remuneración, e quedou a vivir connosco.

Eu sei que para García Amor foi un trago o que tivo que pasar, escoitando as intervencións dos participantes na sesión da homenaxe, recibindo os parabéns de todos os asistentes, escoitando cos ollos medio pechados... Eu aviseino de que sería un trago largo, que se aparentemente era difícil de inxerir, logo podería disfrutalo sabendo que é admirado, querido, respectado. Un vilalbés máis, pero un vilalbés especial ao fin.

Agora que a súa vida volveu á normalidade, é momento de lembrar que temos entre nós a un grande das letras, da Igrexa, da pedagoxía, das Humanidades... unha excelente persoa que pode engañar a primeira vista por ser tan humilde, tan sinxelo, tan fraxil aparentemente. E eu repito que é un xigante da cultura, das relacións humanas, da creación literaria, do servizo aos demáis. Por eso, a miña felicitación –non pola homenaxe senon- por ser como é, por querer como quere a Vilalba, e por servir como serve a todos os vilalbeses. Gracias, Uxío, sempre.

28/11/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión