A soidade e o medo do criminal




Fermín Bouza.-

O crime de Newtown deixa no aire, como outros sucesos desta mesma especie, a dúbida sobre a posible xeralización da tolemia a unha boa parte do xénero humano en situacións ou contextos específicos. Non o dubiden: hai condutas crecentemente repetidas nesa liña, e nos momentos en que algo cambia de súpeto (a paz pola guerra, por pór un caso tristemente reiterado) a xente perde o control e as condutas psicopáticas multiplícanse.

Calquera pode matar de forma absurda (considerando non absurda a conduta dun combatente nunha guerra) e decididamente criminal. E hai que defenderse de todo iso, por suposto, e iso tamén significa matar. Multiplícase o desastre, e os que o puxeron en marcha serán as primeiras vítimas da súa propia estupidez ou do seu egoísmo sen taxa. Sempre foi así.

Pero a guerra destas espectaculares patoloxías criminais como a de Newtown é outra guerra, esta máis callada de soidades que de ideoloxías, de complexos non curados, de desafecto emocional, de malestar familiar ou social, de marxinalidade física e psíquica, de medos incontrolados, en todo caso. Medo ao mundo e ás súas cousas, o cal non é estraño se observamos o mundo que temos.

Unha persoa predisposta ás condutas psicopáticas e situada nun contexto desequilibrante, acaba por romper. E rompéndose rómpenos, nunha cadea de desastres que anuncian un longo tempo de desafección vital, non só política.

No reino de España os desafiuzados suicidas agrídense a se mesmos. Quizá algún día dirixirán a súa ira cara ao exterior. Ese é un día que teriamos que evitar. É difícil facelo.

17/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión