Burbullas como pedras


Fermín Bouza.-

Para que se dea unha burbulla inmobiliaria é preciso que existan créditos baratos, crecemento económico, prezo sostido ou á alza da vivenda (para que exerza como investimento por riba dos réditos bancarios), demanda inmobiliaria e as leis oportunas que fagan posible esta dinámica.

Anécdotas aparte, estas condicións vanse producir e/ou van cristalizar durante o mandato de Aznar, aínda aceptando que poida haber trazos de burbulla en diversos períodos. Alguén tivo que parar iso e ninguén se atreveu: o paro que xeraría a picada era politicamente inasumible.

Hoxe temos datos empíricos suficientes como para deixar pechada esta análise simple e clara: non hai moito espazo para as matinacións máis ou menos fantásticas. A banca alemá, sobre todo, foi a provedora principal de crédito bancario a través dos bancos españois. Esta é a historia que esbandallou todo o sistema político-financeiro deste reino.

Aínda aceptando que puidese haber gastos excesivos nalgunhas autonomías, ese non é o problema de fondo, pois as autonomías foron ben mentres a andrómena dos créditos non se derrubou. O problema é de maior alcance e chega a tocar algúns fundamentos do actual sistema financeiro mundial, que cruxe sen remedio.

Crise do capitalismo? Probablemente é a crise dun modelo de transición do capitalismo entre a vella garda industrial, a actual depredación financeira e un futuro máis pragmático que eluda estas crises innecesarias. Non parece a crise final, pero haberá que esperar e avaliar.

31/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión