Cale, ss/eñor Vázquez

Vicente Piñeiro González.-

Señor Paco Vázquez, vou comentar as súas declaracións do día 13 dos correntes cando dixo que “Non atopo diferenza entre o xudeu perseguido polos nazis e o neno catalán castigado por usar o español”, palabras de vostede, ex alcalde de A Coruña e ex Embaixador ante o Vaticano.

Señor Vázquez, eu escribín unha novela e un guión de cine que narra a existencia duns nenos xudeus que traballaban nunha pantomima de escola de albanelería para construír os fornos crematorios que organizaron os nazis no campo de exterminio de Birkenau moi preto de Auschwitz. Petrauskas, un alumno desa escola, fuxiuse da morte. Esta historia cóntoa como ma imaxino e como ma contaron algúns dos inquilinos que estiveron naquel inferno. Unha vez en liberdade Petrauskas escribe cada pasaxe, cada páxina mesturando realidade e fantasía quixotesca porque el leuse o Quixote no gueto de Kovno (Lituania), cando se traduciu ó lituano en 1942. O Quixote traducido tíñao un mestre que poñía escola na Yeshiva de Slobodka do gueto de kaunas onde había sinagogas, escolas, hospitais, negocios, centros sionistas e se podía estudar en idish e en hebreo. Xa en liberdade, Petrauskas pensa no campo de exterminio, descríbeo, repásao na súa cabeza. Describe a construción dos fornos crematorios que construían os alumnos da escola de albanelería, nenos xudeus, mallados a paus, sucios, mortos de fame e de terror vendo como os seus seres queridos se ían no fume polas chemineas dos fornos crematorios que estaban a carón de onde traballaban. As relacións entre eles e os adultos, o traballo diario, a sede, os golpes, as colas para entrar nas duchas e na cámara de gas provisional, as historias de familias rotas, as comidas, os barracóns, os kapos, a covardía e o intento de buscar quen lle axude a fuxirse daquel lugar abarrotado de uniformes e símbolos nazis, preséntase como un inferno do que é imposíbel saír. A violencia habida en Auschwitz contrasta co amor á vida de Petrauskas, que a ve coa imaxinación de Don Quixote da Mancha, que tamén estivo prisioneiro, así como o seu creador, Miguel de Cervantes, que se inventou a historia preso nun cárcere.

A verdade do Holocauto non entra na cabeciña, talvez fascista leninista do señor Vázquez, pero entran na imaxinación dos homes e das mulleres sensíbeis porque a historia non se poden negar. Na miña novela histórica a maior parte das imaxes saen da mente dun neno secuestrado, rodeado de maldade, afastado de seus país e de seus irmáns pequenos, non aptos para traballar, e que nada máis chegar foron asasinados aquel mesmo día, quedando el só e sen familia, tendo como único amigo a aquel cabaleiro da triste figura que leva na súa imaxinación porque o libro foille requisado nada máis chegar ó campo de exterminio.

Do que se trata é de que aquelas miradas toquen a fibra sentimental do lector, do espectador, que non se esquezan, (vostede, señor Vázquez, non lea a miña novela nin vai ver a película se algunha vez chegan a rodala), xa que logo, despois de tantos anos de historia, a morte de millóns de xudeus nos campos de exterminio, que non poden ser contados, acreditados e consumidos, diga publicamente que “Non atopo diferenza entre o xudeu perseguido polos nazis e o neno catalán castigado por usar o español”.

Para a mente marabillosa de Don Quixote, os gardas SS, os cans e os aramados, serían xigantes contra os que tería que loitar e os muíños de vento serían as torres de vixilancia que teñen unha aspa coa forma dunha esvástica. Os xudeus que vostede compara cos estudantes do 2012 cataláns, eran personaxes reais. Petrauskas existiu, e como os cabaleiros andantes, que tamén existiron, el combateu, e logo da loita que empezou o día que Hitler chegou ó poder e se lle meteu na cabeza exterminar ós xudeus, ferido na batalla por sobrevivir, tivo que pórse en cura, primeiro cos partisanos que o atoparon e na Nova Xerusalén do clan dos Bielski (Don Quixote foi a curarse á casa do Nuncio de Toledo.)

Non cabe dúbida que cando falo de Don Quixote da Mancha, sinto un enorme agarimo. O tema non é precisamente delgado porque este personaxe universal parécese a min, parécese a moitos de nós, menos a vostede, señor Vázquez. E aínda que xa se rodaron moitas películas sobre o cabaleiro da triste figura, ou nas que se fala del, ás veces con risas, nesta película hai bágoas e como di Roberto Benigni no prólogo de A vida é bela, que, “como din as sacras escrituras, cando a risa brota das bágoas o ceo ábrese”. Esta historia de destinos incertos está ambientada nun país comunista da órbita soviética e nun campo de exterminio alemán que se parecía ó inferno. A maneira de comparar algo tan tráxico como a persecución dos xudeus polos nazis, con algo de pura estupidez como o de castigar sen a merenda os nenos cataláns por usar o español, pon en escena a comedia da casta de descerebrados, bufóns, indignos, mesquiños e covardes dunha gran parte dos políticos españois actuais para os que vale a mesma crítica que tanto Valle Inclán, coma os seus compañeiros de xeración, lles aplicaron ós políticos españois da Restauración e a Rexencia. Vostede, señor Vázquez, representa a estes seres egoístas, curtos de espírito que confunden o horror cunha merenda, a vida coa morte.

21 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión