Conferencia do Dr. Esteller en Compostela

Redacción.-

O Dr. Manel Esteller, xefe do Grupo de Epixenética do Cancro e director do programa de Epixenética e Bioloxía do Cancro do Instituto de Investigacións Biomédicas de Bellvitge (Idibell), abriu o curso Martes Clínicos 2012-13 da Rosaleda. A charla, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, levaba por título “Máis aló dos xenes: Epigenética na saúde e na enfermidade”.

O Dr. Esteller explicou que significa epixenética e que relevancia ten no desenvolvemento e tratamento do cancro. Así como a xenética estuda o xenoma, a carga xenética que recibimos dos nosos pais, a epixenética encárgase de ver “o que está por encima, o que regula a xenética”, explicou gráficamente o relator. Iso explica por que irmáns xemelgos ou animais clonados teñen enfermidades diferentes compartindo os mesmos xenes.

Habería “unha especie de interruptores que acenden e apagan os nosos xenes”. Cando ese “interruptor se apaga, os xenes supresores de tumores deixan de estar activos e prodúcese a enfermidade”.

Este coñecemento ten dúas utilidades; unha delas é usar estes biomarcadores para predecir o curso da enfermidade, se é sensible a unha quimioterapia ou outra, etc. Pero tamén é fundamental para ser diana de novos fármacos, o cal permitiu ter operativos xa cinco fármacos para diversos subtipos de cancro, e están en desenvolvemento moitas máis, especialmente en sarcomas ou neuroblastomas.

As investigacións realizadas no ámbito dos tumores tivo tal relevancia que a epixenética comezou a centrar o estudo doutras enfermidades, como as dexenerativas.

A conferencia-coloquio foi presentada polo decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, Juan Gestal, quen deu a benvida aos máis de 200 estudantes matriculados neste ciclo dos Martes Clínicos, polo que recibirán un crédito de libre configuración. Tamén estiveron na mesa presidencial o catedrático de Farmacoloxía da Facultade de Medicina da USC, Manuel Freire-Garabal, o coordinador do curso e xefe de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Rafael López, e o presidente da Fundación La Rosaleda, o Dr. Gerardo Fernández Albor quen chanceou coa “fantástica epixenética” con que a natureza o dotou.

O Dr. Esteller
Nacido en Sant Boi de Llobregat en 1968, graduouse en Medicina pola Universidade de Barcelona en 1992, onde obtivo o seu Doctorado en Xenética Molecular do Carcinoma do Endometrio en 1996. Foi investigador invitado na Escola de Ciencias Biolóxicas e Médicas da Universidade de St. Andrews, (Escocia) e investigador posdoutoral e asociado na Escola de Medicina da Universidade Johns Hopkins (EE. UU.).

En 2001 liderou o Laboratorio de Epixenética do Cancro do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) ata que en 2008 comezou a dirixir o programa de Epixenética e Bioloxía do Cancro do Instituto de Investigacións Biomédicas de Bellvitge (Idibell) en Barcelona, onde é xefe do Grupo de Epixenética do Cancro.

A súa investigación actual céntrase no establecemento dos mapas epixenómicos de células normais e transformadas, o estudo das modificacións epixenéticas e os ARN non codificantes, así como no desenvolvemento de novos medicamentos epixenéticos para tratar o cancro.

É autor de máis de trescentos manuscritos orixinais, acreditados no ámbito das ciencias biomédicas, e membro de numerosas sociedades científicas internacionais. Entre os seus numerosos recoñecementos está o Premio en Investigación Básica na Universidade e Institución Médica Johns Hopkins (1999), o Premio Carcinogenesis (2005), o Swiss Bridge (2006), o Premio á Innovación do “Commonwealth of Massachussets” (2007), e o Premio Internacional Dexeus Saúde da Muller e o Premio Nacional de Xenética, ambos este mesmo ano.

Próximos conferenciantes
Tras o Dr. Esteller, tomarán o relevo ata principios de maio os máis prestixiosos investigadores, profesores e especialistas en Oncoloxía para dar a coñecer os estudos máis interesantes sobre os últimos avances en investigación.

Entre os relatores están o Dr. Xosé R. Bustelo, do Centro de Investigación do Cancro da Universidade de Salamanca, que estará en Santiago o próximo mes de xaneiro; o Dr. Carlos López-Otín, do departamento de Bioquímica e Biología Molecular da Universidade de Oviedo; Rafael Rosell, do Instituto Oncolóxico Dr. Rosell; Miguel Martín, do Hospital Gregorio Marañón, e Juan Jesús Cruz Hernández, xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario de Salamanca e presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica.

19/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión