De Vilalba, o capón



Xulio Xiz.-

Achegándose unha nova Feira do Capón vilalbés, pregúntome canto tempo tardaremos en que nos chegue algunha denuncia por malos tratos aos nosos benqueridos pitos convertidos en capóns por obra e gracia da tradición e das querencias gastronómicas.

O goberno vasco ven de expedientar ao restaurante Mugaritz, terceiro do mundo, por servir fígado de patos sacrificados con crueldade, a denuncia de “Igualdad animal” contra a granxa que surte a este restaurante. Buscando a maior excelencia gastronómica, aos patos clavávaselles un coitelo no pescozo, en vivo, para que pouco a pouco morran desangrados, de xeito que o fígado queda case sen sangue, sendo asi moito máis saboroso. Resultado da denuncia é que a actividade da granxa queda prohibida cautelarmente porque non cumpre os requisitos hixiénico-sanitarios. E o
restaurante retirou da súa carta o “foie grass” de pato, que xa está prohibido en máis de media Europa por considerar maltrato dos animais a súa obtención.

Eu non sei como se sacrifican os capóns na actualidade, pero a tradición quere que sexan pinchados no paladar cunha coiteliña para que pouco a pouco se desangren e a súa carne non quede amoratada. Calquera xeito de facelo é necesariamente cruento, así que a ver que pasa neste tempo no que se defende aos animais coma se fosen humanos, se o sacrificio chega a coñecemento – que chegará- das persoas que gobernan calquera destas asociacións proteccionistas.

Que posiblemente tamén a cría do capón poida dar lugar a algunha protesta ou denuncia deste tipo porque capar os animais para que engorden máis ao mellor atopa algún tipo de oposición, xa non digamos se os animais logo se pechan en xaulas onde non ven a luz e son embicadados manualmente para que traguen máis e máis veces e luzan mellor cando chegue o momento.

Certo que hai costumes atroces coma a de tirar cabras desde campanarios ou poñer lume aos cornos dos bois nalgunhas festas populares. Pero, con ollos deste tempo que sabe de fame no mundo e sobre todo da necesidade de buscarse a vida traballando honradamente nunha actividade rendible, parece rizar o rizo eso de denunciar unha práctica artesana con centos de anos de tradición. Pero moi posiblemente haxa que coller conciencia do tema, e ser sensibles de cara aos animais, máis incluso que cara a moitas persoas que precisan de maior atención de todos.

22/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión