Emprende Cultura Gaiás

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou este sábado no marco do Culturgal o espazo de coworking Emprende Cultura Gaiás, no que profesionais das industrias culturais poderán alugar un espazo no Centro de Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura onde desenvolver o seu proxecto empresarial.

A directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; e a responsable do Servizo Xurídico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), María Pilar Rodríguez Leonardo; presentaron esta mañá no Garaxe do Culturgal 2012 esta iniciativa de emprendemento que busca contribuír a desenvolver o potencial dos proxectos empresariais do eido cultural e creativo de Galicia. "A Cidade da Cultura de Galicia e Agadic poñen en marcha un novo espazo de coworking, que lle permitirá aos profesionais das industrias culturais multiplicar as súas posibilidades de negocio aproveitando as oportunidades dunha rede de contactos no sector e beneficiarse dun programa especial de formación e de presentación das súas ideas a empresas", explicou María Pereira durante a súa intervención.

Vinte prazas por seis meses

Emprende Cultura Gaiás dispón dun total de vinte postos de traballo unipersoais a un prezo mensual de 120€+IVE cada un. O aluguer dá dereito a usalo de 8 a 22 horas de luns a sábado todos os días do ano e durante un período inicial de seis meses, prorroglables ata un máximo de tres anos. Situado no Centro de Emprendemento Cultural e Creativo de Galicia, o espazo de coworking do Gaiás ofrece, ademais dos servizos básicos (mesa de traballo, cadeira, estante, conexión a internet de alta capacidade, conexión telefónica, caixa de correo, taquilla, subministro eléctrico, auga e calefacción), a posibilidade de dispoñer dunha sala de reunións de grupos equipado con wifi e proxector e dunha dunha sala-despacho.

A representante de Agadic explicou que estas prazas poden optar profesionais das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programación de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet, e aqueles outros con vinculación no emprendurismo cultural. Poderán admitirse profesionais independentes ou emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.

Os interesados poden presentar a súa solicitude antes do 30 de decembro través do web http://www.agadic.info/, acompañada dunha memoria do proxecto que se pretenda levar a cabo, prestando especial atención aos aspectos máis innovadores. Ademais, a todas aquelas persoas interesadas en ocupar un posto de traballo a Cidade da Cultura convídaas o 11 e o 13 de decembro ás 17 horas a unha visita ao espazo e unha presentación do proxecto, previo aviso en coworking@cidadedacultura.org ou no teléfono 881 995128 de 9 a 14 horas.

12 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión