Entrevista a Antón Baamonde

Entrevista realizada por Xan Carballa a Antón Baamonde en torno ao seu libro A derrota de Galicia e publicada na web de Valentín Paz Andrade, dentro da serie «Conversas no ronsel».

‘Galicia está ao borde da extinción como suxeito político’
"As forzas políticas non é que non teñan ideas é que non queren telas, porque os seus dirixentes non queren ser molestados”, asegura Antón Baamonde (Vilalba 1959). Autor dunha extensa obra de ensaio filosófico e político, o seu libro máis recente, A derrota de Galicia (Xerais, 2012), aborda diferentes cuestións sobre o momento histórico galego e os perigos do que considera incapacidade propositiva do sistema político galego, “Galicia está morrendo como feito diferencial. Non hai política financeira, industrial, cultural (...) Os intelectuais de forte carga moral están sendo substituídos por tecnócratas e nin os uns nin os outros abren grandes perspectivas".

A derrota de Galicia é o título do seu libro máis recente. Semella o desenvolvemento da idea de que o noso país se acaba como identidade diferenciada.
O título é un aviso, porque estamos ao borde da extinción como suxeito político. Isto non é un exceso esencialista, senón que enuncio os elementos que me levan a esa conclusión. O grao de desafección política coa autonomía é grande, se collemos os índices do CIS Galicia non ten as pautas de Cataluña e País Vasco. A maior parte da xente aposta porque a autonomía siga como está, pero se les entre liñas o desapego das institucións do autogoberno non é a que se agardaría dunha nación con tradición política propia. Por iso falo de fracaso, porque estes trinta anos non serviron para aumentar a adhesión da poboación co autogoberno. Sucede igual coa lingua. Se Núñez Feixoo tivo éxito nas eleccións de 2009 foi porque podía telo, noutro estado emocional da poboación iso non tería sucedido. O feito de que calase aquela mensaxe demostra até que punto ese elemento central que manifestaría a autoestima do país, barómetro de tantas cousas, estaba moi baixo e puideron saír do armario, con toda arrogancia, persoas cunha formulación que no fondo supuña eliminar o galego da educación infantil, ou sexa converter o idioma galego en estranxeiro a todos os efectos. Que iso se consiga fala de que ou non hai masa crítica suficiente na defensa da lingua ou que non sabe poñerse en acción de maneira efectiva para variar o rumbo.
A falta de autoestima eu atribúoa a moitos factores. Unha parte da responsabilidade é do nacionalismo que neste tempo non soubo situarse como auténtico pau de palleiro do país, capaz de articular a nación, e viviu dunha maneira encapsulada. Se ti te encastelas non tes efecto de ósmose na poboación. Despois inflúe a propia estrutura do estado, a acción das outras forzas políticas e outros moitos elementos, pero os que teñen un papel proactivo neste terreo quizais non acertaron.
A maiores goberna un home que non é o PP de Fraga. Fraga buscaba a centralidade e a homologación a través do diálogo co galeguismo cultural e era ambiguo, no bo e no malo, pero non buscaba a confrontación coa base identitaria. Este PP de agora si o fai, está moi pendente dos epicentros madrileños e esta política ten certo apoio dentro das clases medias urbanas.

Xunto a isto os últimos catro anos supuxeron a práctica desaparición dun sector financeiro galego diferenciado.
Nin Banco Pastor, nin Caixa Galicia, nin Caixanova. Hoxe sabemos que a súa xestión foi un disparate, cun burato enorme, dilapidando en investimentos inmobiliarios no Mediterráneo ou en Seseña... Hai quen di que iso se produce por influencia política, pero no caso galego de ningunha maneira. Aquí os seus dous máximos directivos eran dirixentes bonapartistas, cunha grande autonomía persoal, e habería que explicar como chegaron a eses postos. No caso de Méndez teríamos que falar do lobby coruñés que por motivos históricos era capital efectiva de Galicia até a creación da autonomía. Acumulaba a cidade unha certa burguesía e na súa configuración tamén influía ter a sede dos ministerios en Galicia e ser cabeceira dunha rexión militar. Na Coruña configurouse un grupo de influencia que conformou a axenda económica, política e mediática de Galicia nas últimas décadas. No caso de Vigo apunto un dato, Rafael Portanet, falanxista de orixe, alcalde da cidade entre 1964 e 1970 e primeiro director da Zona Franca, foi quen elixiu a Gayoso como directivo case vitalicio de Caixa Vigo. Desde esas coordenadas hai que entender o entramado industrial e preguntarnos se respondeu a unha planificación económica ou a un capitalismo de amigos, onde as institucións financeiras facilitaban os vimbios.
Sempre quedo marabillado de que estes grupos de presión ou de intereses non fosen mencionados polas forzas políticas galegas durante as décadas da autonomía. Ou ben vivían ben ao calor destes grupos de interese ou ben nun mundo virtual onde todo isto non constaba. Non entendo como se pode facer política ser ter unha cartografía do país e iso por forza debe incluír o mundo financeiro e o empresarial, en toda a súa diversidade social pero tamén sobre as elites con mais capacidade de decisión.
Desaparecidas as entidades financeiras podemos endosar toda a responsabilidade aos seus directivos pero tamén teñen a súa cota os sucesivos gobernos da Xunta que puideron facer unha lei de caixas, que controlara máis, fixera render contas e xerase transparencia. Tal vez iso tería evitado a súa desaparición e termos políticas industriais máis sólidas.

É un punto de inflexión na historia económica do país e está no horizonte un reaxuste da posición de Galicia no estado.
Estamos ás portas quizais dun cambio constitucional. Chegamos aquí sen unha política industrial e económica consistente e non ten habido unha visión estruturada e colectiva do papel de Galicia no estado. Presumibelmente cataláns e vascos reaxustarán o seu papel, e apúntome a que o independentismo catalán é un movemento defensivo que busca unha nova posición dentro do estado, pero que se non o fan deste xeito veríanse abocados á súa propia derrota. Pasqual Maragall falaba de catro elementos: a cuestión simbólica do recoñecemento da plurinacionalidade, a defensa da inmersión lingüística, o pacto fiscal e unha organización da xustiza na que o Tribunal Superior catalán fose derradeira instancia salvo en recursos de casación. O caso vasco é distinto polo propio concerto económico pero os cambios en xustiza e idioma poderían abondar e para Galiza dada a correlación de forzas actual tamén, aproveitándose da estela deixada por Cataluña e Euskadi como xa sucedeu na transición.

A consecución da autonomía fora bandeira de enganche para varias xeracións do galeguismo, pero o nacionalismo máis activo no período de saída da Ditadura distanciouse e a autonomía case naceu orfa de país durante o seu desenvolvemento.

A autonomía protagonizárona os que non eran autonomistas. Cedéuselles o espazo e o PP, que fora o gran obxector do Título VIII da constitución foi o actor principal. Por parte de Fraga sen demasiados problemas.

Paz-Andrade, que tivo protagonismo político nos dous períodos estutarios (1936 e 1980), advertía que tal como se estaba despregando a autonomía, con superposición institucional, estaba chamada a colapsar.
Na transición pesou o balance de forzas e non foi posíbel que desaparecesen as institucións máis características do modelo centralista de Javier de Burgos que eran as deputacións. Como desideratum loxicamente habería que proceder á agrupación de concellos e entidades de poboación. As deputacións deben desaparecer porque ademais pertencen a un esquema de estado que non existe xa, aínda que xogan co inercia de ser elemento central do poder político. A crise e o consenso xeral sobre a súa obsolescencia deberían ter suficiente presión para eliminalas. Noutro nivel parece que a etapa do café para todos rematou.

No seu libro fala de que as forzas políticas non teñen un proxecto claro para este momento do debate. Hai elementos a prol da recentralización, outros pola renovación vía pacto federal e están as posicións nacionalistas.
A época Fraga foi de estabilidade e desenvolvemento do estado de benestar, sen Aznar aínda no escenario. Cando este chega determina o cambio de rumbo na evolución española, tal vez con Rouco Varela detrás, e o PP galego maniféstase con certa ambigüidade, aínda que é máis ben proclive á recentralización que os think tanks do PP defenden con algunha indecisión. O Partido Socialista está nunha fraxilidade enorme que pode levalo a calquera lugar, sobre todo a partir do 10 de maio de 2010, cando Zapatero anunciou e asumiu as medidas da dirección neoliberal europea primeiro e despois co cambio constitucional sobre o déficit. Se o Partido Socialista non pode ser keynesiano, de que se trata? Como se pode ser representativo da España centralista e ter un papel diferenciado en Cataluña (7 millóns de habitantes) e o País Vasco? O gran elemento que lle queda ao PSOE é Andalucía (8 millóns). Se as elites españolas fosen razoábeis o esquema de Felipe González de marear a perdiz na cuestión territorial, seríalles o máis cómodo, pero cando reaparece o nacionalismo español con Aznar-2 disparouse a espoleta do independentismo catalán, porque o vasco xa existía. A papeleta dos socialistas é difícil porque os lugares nos que ten base forte son Castela-A Mancha, Extremadura e Andalucía, basicamente. A proposta federal coa que queren saír é unha incerteza, porque pode ser unha reformulación do estado autonómico, que non convence a vascos e cataláns, ou ben é un federalismo plurinacional, asimétrico ou como se chame, que manteña os puntos que formulara Maragall para o estatuto catalán orixinario. No PSdeG-PSOE hai unha tradición con moito peso do vazquismo e para cubrir outros espazos hai un galeguismo que non teño seguridade que sexa o que marque o paso futuro. Ademais o PSdeG é unha formación na que as bases non parece que teñan moito que dicir.

E despois está en Galicia a diversa posición nacionalista.
O caso do nacionalismo galego é sorprendente, porque a diferencia do catalán e o vasco que ten formacións a dereita e a esquerda, e que ten forza no eixo central das clases medias urbanas (signifique o que signifique esta expresión) que é co que se goberna e gañan eleccións, o nacionalismo aquí non ten feito o menor esforzo en articular ese segmento. Ten que ter un discurso que lle permita ser entendido por toda poboación e capaz de xerar consensos internos que che permiten negociar o teu papel no estado. En Cataluña practicamente todas as forzas políticas comparten un catalanismo básico pero isto aquí non só non se fixo senón que se orientou dunha maneira suicida para o contrario, cunha incapacidade de diálogo nula cos achegados, non digo xa cos afastados. Cando un sementa ventos recolle tempestades e a min provócame estupefacción. Non só se trata de articular unha oposición simbólica senón que hai que atopar saídas. Agora está o fenómeno de Beiras, que veremos o que dá de si.
Faltan perspectivas estratéxicas, non hai think tanks, as forzas políticas non é que non teñan ideas é que non queren telas, porque os seus dirixentes o que non queren é ser molestados. Na miña breve experiencia catalá con Pasqual Maragall vin que se sentaban a escoitar, se vían unha idea interesante pillábana, e esa é unha actitude que en Galicia é descoñecida. ¿Que inconveniente hai para reunirse en círculos amplos e tamén especializados, e axudarse a formar un criterio, que os dirixentes políticos despois modularán? Non o fai ningunha forza política, é un defecto xeral.

Por Xan Carballa
Vigo, 1 de novembro de 2012
Publicado orixinalmente en: http://www.valentinpazandrade.es/gl/conversas/galicia-est-ao-borde-da-extinci-n-como-suxeito-pol-tico




05/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión