Irmandades do Falo no Panxorock


Redacción.-

Celebrouse en Vigo o Panxorock, concurso organizado pola Escola de Audiovisuais de Vigo (EAV) e no que participaron grupos de toda Galicia con panxoliñas adaptadas a partir de cancións clásicas. Catro deles foron seleccionados para a final, que consistía nunha actuación en directo valorada polo público e por un xurado profesional. Dos catro finalistas (Néboa, Léxico&Crespo, Os Vacalouras e Irmandades do Falo) finalmente resultaron gañadores os dous últimos, Vacalouras na categoría do público e os vilalbeses de Irmandades na do xurado profesional.

O tema gañador do grupo chairego titúlase "Bo Nadal (na capital)", e é unha adaptación de varios temas navideños, o principal deles o popular "Jingle Bells", con ritmos que van dende o swing até o ska, e cunha letra que incita ós oíntes a vir a celebrar estas festas navideñas á capital chairega, con produtos tan marabillosos coma o roscón de améndoa, o queixo de San Simón ou, por suposto, o tradicional capón de Vilalba. O xurado valorou a posta de escena, a utilización de instrumentos coma o clarinete ou o bombardino, a variedade de ritmos e, especialmente, a orixinalidade da letra, ao adaptar un fenómeno universal coma as celebracións de Nadal a unha perspectiva local e puramente chairega, con graza, garbo e frescura.

Agora, Irmandades do falo inician unha campaña para que este tema sexa coñecido a través das ondas radiofónicas e das redes sociais, e para que toda a xente coñeza as bondades das nosas terras en termos gastronómicos e festivos. Para quen queira ver este tema en directo, a estrea oficial do mesmo será o día 3 de xaneiro, no local A Tasca de Vilalba, un concerto que será de balde e ao que convidan a toda a xente que se queira achegar para pasar unha agradable velada musical.

23/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión