Lobos


Xulio Xiz.-

Eu ben pensaba que, despois daquela nenez na que os contos de bruxas e de lobos nos facían estremecer, nunca máis ía oir falar de lobos. E non foi así.

Daquela os lobos eran uns animais míticos, temor dos humanos, que asolaban as nosas terras polas noites, e facían que gando e xentes se refuxiasen en canto o día ía morrendo, para evitar un encontro fatal. E
oíamos na noite os contos ao carón do lume que falaban de lobos que se enfrontaban aos homes, que os miraban con ollos desafiantes, que temían ao lume dos fachucos que estes levaban para alumear nas noites, e que se o home lles plantaba cara podían dar volta e marchar empavorecidos.

Co paso do tempo, fomos sabendo o humanos que son os lobos. Do medo que nos teñen aos humanos, de que o lobo non é home para o lobo, e que moitas veces o lobo tampouco é lobo para o home. E que se se deixa ver de dia ou de noite é porque ten fame, e non ten ao seu dispor os recursos
precisos para a súa subsistencia.

Sempre os lobos levaron a culpa de todas as falcatruadas no noso campo. E agora que apareceron mortas reses de bovino en Abadín e un poltro en Labrada, a culpa lévana os lobos. As reses tiñan roeduras de animal que pode ser un lobo, e acrecentase a lenda.

Hai pouco, preto de Vilalba, mesmo á beira da estrada que ven de Rábade apareceron as pisadas de dous animais, que se coidan lobos. Os cazadores que andaban na percura de xabaríns atoparon esas pegadas, e mesmo de lobos eran as dentadas que apareceron no corpo dun xabarín abatido. Os lobos teñen fame, e por eso se adentran en lugares ata agora controlados totalmente polos humanos, sinal de que no seu hábitat natural non atopan alimento abondo. Mesmo na Pastoriza, onde un veciño dixo que “hai un demo
deles”, chegaron á beira dunha casa sendo espantados polos berros do propietario que conseguíu que se fose, estimándose no concello de Abadín que este ano van máis de cen animais mortos polas accións dos lobos.

En Bruselas, en Europa, saben deste tema, xa problemático, coincidente co que existe noutras rexións europeas, polo que se están a estudiar posibles medidas.

O caso é que o lobo é unha especie protexida e non se poden facer sen máis batidas contra del sen xustificar a absoluta necesidade de controlar a  súa evolución numérica e xeográfica,  pero algo vai haber que facer, porque visto está que aquello de “irmán lobo” de San Francisco está ben para a
lenda, a haxiografía, e os contos invernais, pero para os gandeiros da  Terra Chá o lobo parece estar sendo un grave problema contra o que hai que  loitar para que o animal siga tengo medo á especie humana e se alonxe de nós e das nosas facendas.

30/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión