'Música revelada' de Eugenio Granell


Redacción.-

A dimensión máis descoñecida do artista Eugenio Granell, a súa faceta musical, ve a luz por vez primeira a través de dous libros e dun disco. Música revelada é o título deste pioneiro traballo de investigación e de recreación musical realizado por aCentral Folque a partir de duascentas anotacións musicais do artista, co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura e a colaboración da Fundación Eugenio Granell.


Fillo de amantes da arte musical, Granell sentiu desde moi novo esa inclinación pola música que o levou a exercer como violinista mesmo cunha vocación profesional, que o levou a se converter en violín primeiro da Orquestra Sinfónica de Santo Domingo, na República Dominicana. Froito desta paixón, deixou entre o seu legado dous cadernos con anotacións musicais nos que se recoñece a inspiración das formas populares da música galega, ademais de ideas musicais propias do seu universo.


Agora, no marco do centenario do seu nacemento, Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada permítenos mergullarnos no seu universo sonoro a través dun estudo de Sonsoles Hernández Barbosa sobre a dimensión musical de Granell, dun libro no que Benxamín Otero transcribe as partituras do artista e dun disco no que o pianista cubano Alejandro Vargas fai unha lectura destas composicións en clave de jazz, xunto cun grupo de músicos de primeira orde.

Entre eles inclúense José Manuel Díaz (contrabaixo), LAR Legido (batería), Mónica de Nut (voz), Edelmiro Fernández (gaita), Germán Díaz (zanfona) e María José Pampano (viola). O CD foi gravado no Auditorio de Ourense co estudio móbil da Radio Galega e con Pablo Barreiro como técnico de son.


Ao longo deste ano, no marco das celebracións do seu centenario, e coa colaboración dun amplo número de persoas e institucións, viñéronse sucedendo distintas iniciativas para difundir, repensar e poñer en valor o legado intelectual e artístico de Eugenio Granell, recoñecéndoo nas súas múltiples facetas como artista plástico, como escritor ou como creador audiovisual.

04/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión