Paco Pin ilumina a Cidade da Cultura


Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iluminará o Gaiás neste Nadal da man do artista Paco de Pin e a empresa Cachet, que quere celebrar con todos os galegos o seu vixésimo aniversario a través dunha intervención técnico-lumínica nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura que levará por título Estrela do Gaiás. Así, desde este venres 21 de decembro ao domingo 6 de xaneiro, unha das torres converterase nun faro temporal que transmita unha mensaxe de optimismo a toda Galicia.

"Sempre vin Santiago de Compostela como unha cidade marítima sen faro", explica Paco de Pin, responsable artístico da intervención lumínica coa que a empresa Cachet felicitará estas datas desde o alto do Gaiás. Esta ausencia será suplida desde este venres coa instalación temporal dun faro no alto dunha das Torres Hejduk, que ao mesmo tempo se tinxirá de cor para transmitir unha mensaxe de vida, optimismo e alegría. "O cambio de cor será cíclico: do frío azul do mar ao calor do amarelo e vermello, simulando o sol incendiando as augas dese océano", explica o responsable da intervención. Esta mudanza cromática irá acompasada do movemento rotatorio da luz instalada no teito da torre e que simulará o faro.

Encendido este venres ás 20 horas

Estrela do Gaiás será, en palabras de Paco de Pin, unha aportación máis a este "campo de estrelas" que é a cidade de Santiago -berce da espiritualidade e unión de camiños entre Oriente e Occidente-, iluminándoa desde o alto do monte Gaiás: "Será a nosa particular estrela", resume o artista.

O encendido terá lugar este venres 21 de decembro ás 20 horas. A instalación permanecerá encendida todos os días de 20,00 a 00,00 horas ata a noite de Reis. Estrela do Gaiás é unha obra patrocinada integramente pola empresa Cachet, con motivo do seu vixésimo aniversario, que escolleu a Cidade da Cultura de Galicia como escenario para felicitar as festas a todos os galegos.

20/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión