Políticamente cretinos


Ramón Chao.-

A Paul Lafargue debémoslle moito máis que ese primoroso tratado que admiro e gustaríame practicar, o dereito á preguiza.

En 1871, Lafargue funda a Nova Federación Socialista, fermento do Partido de Pablo Iglesias. Ao pouco tempo, cara a 1880, escribe ese Dereito á preguiza, cuxas primeiras liñas lembran o Manifesto do seu sogro.

Marx escribira en febreiro de 1848: "Unha pantasma percorre Europa: a pantasma do comunismo. Todas as forzas da vella Europa uníronse en santa cruzada para acosar a esa pantasma: o Papa e o tsar...", e Lafargue di, máis de trinta anos despois : "Unha estraña tolemia apoderouse das clases obreiras das nacións nas que reina a civilización capitalista (...). O traballo é a causa de todas as dexeneracións intelectuais, de todas as deformacións orgánicas."

É pouco accesible a obra xornalística de Lafargue. O que se consegue hoxe é suxestivo, e abonda con modificar algúns termos para que adquira plena actualidade.: No artigo "A Lingua francesa" sinala que o idioma de Molière sufriu un cambio total despois da Revolución de 1789: a lingua da nova burguesía, a que se falaba na tribuna da Asemblea nacional, expulsou á lingua da aristocracia derrotada. Unha asociación de gramáticos publicou en 1831 un Suplemento ao Dicionario da Academia con 11.000 termos novos, que introduciran os revolucionarios e empregábanse nos debates parlamentarios.

Sen dúbida o credo neoliberal de Reagan, Thatcher... e Vargas Llosa, e a súa linguaxe politicamente correcta, produce efectos tan perniciosos , pois nunca, desde a época de Lafargue, se produciron accións de semellante amplitude contra o idioma. Non só a ditadura da propaganda decreta o que é benéfico ou comprensible para o consumidor, senón tamén o Poder, inspirándose na técnica publicitaria transforma a linguaxe da vida cotiá, e tenta crear os códigos aceptables que non firan a sensibilidade dos afectados por un mundo destrutor.

Por exemplo, xa o franquismo impuxo cambios semánticos: non había obreiros, senón produtores; nin folgas, senón paros. Os despedimentos colectivos chámanse agora reestruturacións de empresa. Aos sindicatos chámanos servizos de proximidade social, e os patróns xa non reclaman despedimentos, senón flexibilidade, e para designar o traslado dunha actividade a outro país, adecuouse o termo deslocalizar.

Por ser máis neoliberais, os ingleses van máis lonxe, e utilizan o neoloxismo empregabilidade, o que complica aínda máis as negociacións, xa embrolladas de por si, nas instancias europeas. As empresas que deslocalizan para ir explotar aos tailandeses, non son incívicas, senón cidadás. E cando sabido é que o asalariado se basea nunha relación inaceptable de subordinación, fálasenos de cultura de empresa. Os xefes de persoal convertéronse en xestionarios dos recursos humanos.

Nun dos seus ensaios, o lingüista Alain Rei afirma: "Na vida social os vocábulos novos serven para disimular unha intención ou unha acción real. De feito, expresan un punto de vista político [...] Á marxe do seu sentido obxectivo, transmiten intencións que poden ser manipuladoras"
Cando existe unha palabra sinxela e precisa, por exemplo cego, e que se substitúe por invidente, descualifícase cego e as súas declinacións verbais, adverbiais, adxectivas ou proverbiais (cegador, cegar, cegueira, ceguidade, ceguiño...). Substituíndo unha palabra por unha proposición, o que modificamos é a sintaxe mesma da lingua.

A pesar das afirmacións dos lingüistas, a lingua non é unha norma neutra, que serve para describir as fraxilidades da comunicación. Está chea de contradicións que permiten toda clase de manipulacións ideolóxicas. Todo intento de suprimir esas contradicións con subterfuxios semánticos conduce á deterioración da lingua, e á vez, do noso pensamento.

En "1984", George Orwell conta as dificultades de Winston e Julia cunha lingua cuxo sentido foi desvirtuado por unha ideoloxía totalitaria. Os dous namorados dánse cita nos barrios populares en busca de libros e xornais antigos a fin de dar cos verdadeiros nomes, cambiados polas maquinacións do poder. Orwell establece unha relación entre a lingua da democracia e a da ditadura.

O feito de que o Poder manipule a lingua delata que sabe moi ben que nos fai dano e trata de escudarse detrás das palabras.

28/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión