Presentación de "Man, o alemán de Camelle"


Moncho Paz.- Onte pola tarde tivo lugar na Biblioteca de Estudos Locais de A Coruña a presentación do libro “Man, o alemán de Camelle”, de Beatriz Maceda Abeleira, con ilustracións de Laura Veleiro Suárez. A obra, editada por Galebook (www.galebook.net), está dedicada á figura de Manfred Gnädinger, o pintor e escultor xermano que se instalou na vila coruñesa de Camelle no ano 1961.

Cunha asistencia de máis de 150 persoas, a presentación desta obra contou co apoio e presenza do escritor e xornalista Manuel Rivas, que destacou a importancia da vida e obra de Man, así como o interese que esperta de novo aos dez anos do seu pasamento, tras a crise do Prestige. “Vivimos nun país que se o deixamos valeirar énchese de cousas malas”, ironizou Rivas.

Nado en 1940 en Dresden, Man naceu e pasou a súa infancia en Alemaña, procedente dunha familia de sete irmáns, e estudou arte en Italia. Impartiu clases de arte en Suíza a persoas con problemas de integración social. O seu interese pola preservación do medio ambiente e a curiosidade por coñecer a costa galega conducírono á Costa da Morte. A comezos da década dos 60 chegou a un Camelle inmerso nas festas patronais do Espírito Santo. Desde aquel día ese alemán solitario, educado e de bo aspecto e con certo aire de turista acomodado, instalouse para sempre no pobo.

Durante o accidente do Prestige en novembro de 2002, a mancha de petróleo danou as súas esculturas. Crese que o Alemán deixouse morrer de melancolía e tristeza. Finou o 28 de decembro de 2002. En novembro do 2010, un temporal destruíu o que quedaba da súa obra. 

O libro de Beatriz Maceda recupera e fai xustiza coa figura de Man, e remata coa reivindicación do seu testamento: “Manfred Gnädinger  expresa o desexo de que, ao seu falecemento, se conserve o museo e quede á disposición do Ministerio de Educación, para ser destinado a fins culturais. Para que isto se cumpra deixa 120.000 euros, cartos aforrados ao longo da súa vida. Tamén quere que o seu corpo sexa enterrado no seu museo ou sepultado no mar. Ningún destes desexos se cumpriu… polo de agora”. 

18/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión