Presentación de 'O rastro que deixamos'

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba e Edición Xerais de Galicia organizaron onte venres, 14 de decembro de 2012, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do último libro de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ “O rastro que deixamos”. O acto contou coa participación de Manuel Bragado, Isabel Soto, Manuel Castro Santamariña e o propio autor, Agustín Fernández Paz.

No mesmo acto tivo lugar tamén a entrega ao escritor vilalbés do Diploma de SOCIO DE HONRA, condición que lle foi outorgada por unanimidade na Asemblea Xeral de socios do Iescha do pasado ano.

O rastro que deixamos
Coma se fosen as pedriñas coas que Hansel marcaba os seus pasos pola espesura do bosque, O rastro que deixamos reúne traballos dados a coñecer por Agustín Fernández Paz en diferentes medios e contextos ao longo do tempo, así coma outros que permanecían inéditos.

Estes rastros son unha mostra de dúas liñas de traballo esenciais, a memoria da infancia e o oficio da escrita. Na primeira parte, baixo o epígrafe “As paisaxes da memoria”, reúnense escritos onde predominan as vivencias da nenez e da mocidade. Os textos da segunda, titulada “O oficio de escribir”, fálannos da súa paixón pola lectura e pola escrita, así como da súa fe na forza das palabras para cambiar o mundo e cambiar a vida.

Como ocorre nos libros de ficción de Fernández Paz, estas páxinas seducen pola claridade das ideas e polo engado con que se expresan. Ademais, permítennos adiviñar as pegadas das experiencias vitais na súa obra e descubrir os fundamentos do oficio de narrador, o termo no que o autor mellor se recoñece.

Cada unha das dúas partes péchase cunhas páxinas narrativas; a primeira, cos relatos “A mirada de Clara” e “Cando nacen as estrelas”; a segunda, cun peculiar e irónico conto por palabras, “Reflexións sobre a precariedade laboral”. Estes relatos amosan como o autor constrúe os textos de ficción cos vimbios da súa vida, unha vida que traslada logo aos seus personaxes.

FOTOS: Chema Felpeto


15/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión