Queren rematar as linguas cooficiais


Fermín Bouza.-

Por se faltasen provocacións e situacións obxectivamente graves, o señor Wert disponse a dar o remate ás linguas cooficiais. E Galicia de novo como exemplo de vangarda obscena. O procedemento ten o sinal de todas estas cousas que van directas a acabar con algo: en nome da liberdade, do equilibrio, da equidade.

Pero os que saben realmente disto, e as organizacións conservacionistas das linguas, esixen discriminación (positiva) e forte actividade para que estas linguas minoritarias non morran. O catalán está a baixar, como o galego. O euskara sobe un pouco, vén de moi abaixo. Se pretenden acabar coas nosas cousas poden atopar unha forte resistencia, pero teñen as de gañar, obviamente.

Saiban os mozos que entran agora nestas cuestións e que aínda non perderon a súa dignidade cara aos seus países, e tamén os que veñan no futuro, que só o pleno uso da xestión lingüística pode garantir a eses os nosos países a conservación da súa lingua e da vida e a arte a ela unidos. Pero é probable que só a independencia poida garantir o pleno uso da xestión lingüística. Están a porse os cimentos dun futuro extraordinariamente conflitivo.

É, en todo caso, unha agresión en toda regra que cataláns e vascos saberán evitar ou compensar. Os galegos, cun goberno de dereita pura e dura, e cuns partidos nacionalistas que suman unha cuarta parte do electorado activo (engádanlle algunha porcentaxe dos votantes do PSdG, até chegar quizá a 1/3 do electorado activo de voto válido) non terán apenas voz nin defensa. Veremos o que ocorre en tales condicións. Nada bo. O Ministerio de Educación debe ir sempre a mans de xentes sensibles e ilustradas.


Esa historia non conta para Madrid?

A inmersión lingüística é o que os seus actuais inimigos practicaron durante centos de anos en todo o territorio do reino, sen piedade algunha, até case extinguir o uso das linguas propias. De novo hai que dicilo: con que peso cívico ousan falar eses que foron luz de Trento, martelo de herejes,...? Agora, uns países arruinados nas súas linguas queren defendelas e conservalas, devolverlles o seu lugar fose do eterno retorno do espolio. A inmersión é a maneira científica de conservalas, atendendo, sen dúbida, a que os alumnos coñezan e falen perfectamente o castelán (agora español), cousa que xa ocorre, pois o feito de inserirse nun estado fai que toda a comunicación tenda a ir na lingua do estado, que despraza á propia.

En Madrid non hai outra opción escolar pública que o español: iso contradi a lóxica oportunista dos matarifes das nosas linguas. Paréceme ben: a Madrid vense falar español, como a Cataluña vaise a falar catalán, salvo as excepcións do uso do español como lingua franca ou voluntaria cando é preciso para isto ou aquilo. En Madrid tampouco hai isto ou aquilo: non hai excepción. Non hai un só neno que non fale español (antes castelán) nesas comunidades con lingua distinta, salvo aqueles que non o falaron nunca en culturas moi rurais. A cidade é un espello do estado, que a domina na súa comunicación, neste caso en castelán ou español.

Por iso é necesaria a inmersión lingüística.

07/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión