Presentación de 'No papel que mudo escoita'


Redacción.-

O vindeiro venres 7 de decembro terá lugar na sala de exposicións de Novagalicia Banco de A Estrada a presentación do libro No papel que mudo escoita de Baldomero Iglesias (Mero), editado pola AC Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá. No acto intervirán Alfonso Blanco Torrado, Xulio Xiz, Xoan Xosé Fernández Abella, David Otero, Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e o propio Baldomero Iglesias (Mero). No acto, organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, poderanse escoitar tamén as actuacións de Mini e Mero e máis de Raúl Gallego (o Gaiteiro Nubeiro).

Baldomero Iglesias, Mero (Vilalba, 1951), ten xa un longo percorrido na creación artística galega. Máis coñecido polo seu traballo musical (Fuxan os ventos, A Quenlla) conta coa poesía para deitar os seus pensamentos máis íntimos mais non menos críticos coa realidade que o arrodea. Conta con dous poemarios anteriores publicados como foron Na lonxitude do tempo (Espiral Maior, 2006) e Recendos de luz e de sombra (Fundación Manuel María, 2006). En No papel que mudo escoita (Irmandade Manuel María, 2011) resume en trescentas trinta e oito páxinas o seu mundo vital. En territorio remite con alusións a Vilalba, á Terra Chá, a Mesía, a Lugo e á muralla, a Duarría (Castro de Rei) e en temática ao amor, a Patria, a xustiza...

03/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión