Rede Galega de Teatros e Auditorios


Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria intensifica a programación infantil da Rede Galega de Teatros e Auditorios neste mes de decembro, durante o que ofrecerá 72 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo especialmente dirixidas aos espectadores máis pequenos. A meirande parte delas concéntranse, así mesmo, no período de vacacións escolares.

En total, serán 126 as representacións para público adulto e infantil que se celebrarán durante todo o mes no seo deste circuíto, que se estende por 32 localidades de toda Galicia. A rede, que Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), continúa a apostar de xeito prioritario pola produción galega e en galego, á que corresponde o 92% do total de funcións que porán en escena un total de 50 compañías e grupos.

Cofinanciamento

Cofinanciada ao 50% entre a Agadic e os concellos e entidades públicas que xestionan os espazos nos que se desenvolve o programa, a Rede Galega de Teatros e Auditorios pechará 2012 cun balance de 660 representacións. Esta cifra vén confirmar o destacado papel do circuíto como unha das principais canles de encontro entre os espectadores e as compañías profesionais de Galicia. A variedade nas propostas artísticas ofertadas e a descentralización xeográfica a través dos seus 46 teatros e auditorios asociados continúan a ser os seus principais sinais de identidade co obxectivo de cubrir así un amplo segmento de público potencial.

Neste mes de decembro a programación desenvolverase en 35 destes espazos, correspondentes a 32 concellos: 15 deles na provincia da Coruña (A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Carballo, Cedeira, Cee, Ferrol, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Ortigueira e Santiago de Compostela), 9 en Pontevedra (A Estrada, Cambados, Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa), 4 en Lugo (Foz, Lugo, Ribadeo e Viveiro) e 4 Ourense (A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ourense).

Salas de música e teatro

Á carteleira de decembro na Rede Galega de Teatros e Auditorios hai que sumar, así mesmo, a actividade nos outros dous circuítos promovidos pola Agadic: 58 concertos nas diferentes salas que integran a Rede Galega de Música ao Vivo e 33 funcións escénicas e musicais na Rede Galega de Salas. Neste último caso, a programación dirixida ao público infantil vén cobrando cada ano un maior peso no conxunto do seu catálogo multidisciplinar. Así, en decembro as salas ARTeria Noroeste e Santart en Santiago de Compostela, Teatro Ensalle en Vigo e Teatro del Andamio na Coruña acollerán un total de 22 representacións para os máis pequenos como parte da rede.

A programación completa das tres redes pode consultarse na sección de axenda da web da Agadic: www.agadic.info/axenda

11/12/2012

0 comentários :

Danos a túa opinión