A balada de Corto Maltés

No blog de Agustín Fernández Paz puidemos ler días atrás unha recomendable entrada sobre Corto Maltés que aquí reproducimos íntegra.


La balada del mar salado (Una ballata del mare salato), de Hugo Pratt

Agustín Fernández Paz.-

Un pouco de arqueoloxía

En 1977, cando Franco levaba morto pouco máis dun ano, naceu en España unha revista de cómics que poderiamos asemellar a unha fiestra que se abre e deixa entrar ríos de aire novo nun cuarto co aire viciado por máis de corenta anos de enclaustramento.

A revista chamábase TOTEM, e foi a primeira dunha amplísima nómina que nos agasallou cuns anos de festa continua aos amantes da narrativa debuxada. Así, de memoria, un lembra Blue Jeans, Cómix Internacional, 1984, Cimoc, Cairo, El Víbora, Metal Hurlant, Rambla, Vértigo… En anos anteriores houbera outras, como Star (un precedente de El Víbora) ou El Globo (que editaba Luis Gasca), pero non callaron por naceren antes de tempo.

TOTEM, como a maioría destas revistas, nutríase do abondoso material que, en anos anteriores, se publicara en Francia, Gran Bretaña, Italia, EE. UU e Arxentina, principalmente. Eran obras que estaban sen traducir, o máis seguro é que por problemas de censura, e que nos chegaron coma nunha marabillosa fervenza de creatividade.


Descubrindo a Corto Maltés

No primeiro número de TOTEM, ademais de episodios do Arzack de Moebius ou da Valentina de Guido Crepax, estaba a historia que supuxo a miña descuberta de Corto Maltés: “Samba con Tiro-fijo”, unha creación do veneciano Hugo Pratt. Fascinación, orixinalidade, engado… era imposible non entusiasmarse ante aquel personaxe que se nos presentaba xa solidamente construído e que vivía unhas aventuras poliédricas, moi afastadas das que estabamos afeitos. E, xaora, cun debuxo en branco e negro que abraiaba pola súa técnica e pola súa eficacia expresiva.

En números sucesivos, puiden ir lendo outras das historias curtas de Corto Maltés. O personaxe do mariñeiro anarquista e romántico, sempre do lado dos perdedores ou dos revolucionarios, converteuse nun dos meus preferidos. Por riba, episodio a episodio, ia coñecendo algo máis da súa personalidade complexa e descubría as múltiples referencias (literarias, históricas, plásticas) que Hugo Pratt deslizaba nos seus guións.

A todo isto, había que engadir a galería de personaxes secundarios, por chamarlles dalgún xeito, xa que moitas veces ocupaban un papel principal. Con mención especial para as personaxes femininas, libres e destemidas, sempre fascinantes. Unha festa!


Corto Maltés no mar salgado

Pouco tempo despois, Nueva Frontera, a editora de TOTEM e outras revistas, iniciou a publicación de álbums. Algúns recollían historias que antes apareceran seriadas na revista; outros eran obras independentes.

Un dos primeiros álbums foi La balada del mar salado, (Una ballata del mare salato) unha extensa narración de Hugo Pratt (máis de 200 páxinas; hoxe chamariámoslle novela gráfica), que o italiano creara entre 1967 e 1969 e que aparecera por entregas na revista italiana Sargento Kirk.

Un dos atractivos de La balada del mar salado é que nel aparecía por primeira vez a figura de Corto Maltés, o personaxe que nos seducira nas narracións curtas que publicaba TOTEM; o mesmo personaxe que, co transcorrer dos anos, acabaría por se converter nunha icona mundial que recoñecen mesmo quen nunca leron ningunha historia súa. Mais é de xustiza recoñecer que este álbum é máis, moito máis, que a orixe de Corto Maltés.

A balada do mar salgado

A edición orixinal era en branco e negro, foi a que eu lin aló por 1978 ou 1979, cando se publicou en España. Posteriormente, Hugo Pratt realizou unha nova versión coloreada, que é a que teño diante mentres escribo estas liñas. Esta nova edición (agora en Norma Editorial, como todo Corto Maltés) contén, ademais, trinta páxinas engadidas con mapas e bosquexos, e cun texto de Umberto Eco que axuda a contextualizar e entender mellor a narración que imos ler. Non contarei aquí o argumento, non tería sentido. Contarei, iso si, o seu inicio, para aclarar o contexto espacial e temporal onde suceden os feitos.

Estamos en novembro de 1913, a piques de comezar a primeira guerra mundial; alemáns, ingleses, holandeses e xaponeses están interesados en controlar o Océano Pacífico. Un océano que é quen inicia o relato da aventura:

Son o Océano Pacífico. O maior de todos. Chámanme así desde hai moito. Mais non é certo que estea sempre así. Ás veces irrítome e empréndoa con todo e con todos. Hoxe mesmo acabo de facer a última desfeita. Creo que varrín tres ou catro illas e estraguei outras tantas cascas de noz, desas que os homes chaman barcos…

Un barco que navega preto das Illas Salomón recolle dous mozos náufragos nunha barca á deriva. Os náufragos son dous curmáns, Caín e Pandora, membros dunha poderosa familia británica. O capitán do barco é un pirata, Rasputín, que ten pensado pedir un rescate polos dous.

Algo máis adiante, o mesmo barco recolle outro náufrago, que alguén amarrou a uns troncos e deixou abandonado na mar alta. É Corto Maltés, un coñecido de Rasputín, que o incorpora á súa expedición. O destino do barco é a illa onde habita un pirata misterioso, o Monxe, de quen se di que ten máis de 200 anos e que controla con man de ferro os mares da Melanesia e a Polinesia. A partir deste inicio, comeza a aventura.

Por que é inesquecible este álbum?

Que hai logo neste cume da narrativa debuxada para que o diario Le Monde o incluíse no listado dos cen mellores libros do século XX?

Ante todo, é unha magnífica narración de aventuras. Quero dicir que, ademais da fascinante aventura externa, ten un papel relevante a aventura interior, a evolución dos personaxes e as múltiples relacións que manteñen.

O proceso de maduración de Caín e Pandora, sometidos a inesperadas adversidades; a complexa personalidade de Corto Maltés, forzado a tomar partido ante situacións que van contra os seus principios; o personaxe de Cráneo, un nativo ao servizo de Rasputín, convencido de que as súas terras só acadarán a liberdade cando os europeos marchen de Oceanía; as dúbidas de Tarao, un mozo maorí, e as de Slutter, un comandante alemán, enfrontados a situacións que os forzarán a se definiren…

Se tematicamente é unha narración imposible de esquecer, desde unha perspectiva plástica ofrece unha madurez narrativa envexable. Está, en primeiro termo, a coidada planificación, con páxinas nas que se alternan tiras ocupadas por una única viñeta horizontal, case sempre planos xerais, con outras subdivididas en viñetas cadradas, cos personaxes en plano medio ou en primeiro plano.

E está logo a resolución plástica. O de Hugo Pratt non é un debuxo preciosista que se recree nos detalles, mais ben ao contrario: simplicidade de liñas, utilización impresionista das masas de tinta, sobriedade extrema, encadres atrevidos… Toda unha lección de como a técnica da BD acada o seu sentido máis pleno cando, lonxe de efectismos gratuítos, se pon ao servizo do narrado. A cor coa que Pratt iluminou esta nova edición, con suaves pinceladas de acuarela, non oculta a sobriedade do branco e negro orixinal.



Remate, que non é sen tempo

Sen querelo, este post saíu longo de máis; haberá que ter máis coidado de aquí en diante. Pero non podo rematalo sen dicir que existe unha película de animación feita a partir deste álbum, que se pode ver por partes en Youtube.

E que a editorial Galaxia ten no seu catálogo, en tradución de Ánxela Gracián, o libro Corto Maltés. Balada do mar salgado, onde Pratt novelizou a narración que previamente contara no álbum.

Unha derradeira suxestión: a web dedicada a Corto Maltés é, para quen teña tempo e ganas, unha festa inacabable.



Pódese ler o texto orixinal (coa grande profusión de ligazóns que contén) en: 
http://agustinfernandezpaz.eu/a-balada-de-corto-maltes/

21/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión