A pantasma da casa do medo

Fermín Bouza.-

A historia de España durante o século XX (e que continúa no século XXI) é o conflito constante entre, por unha banda, os establishments financeiros, centrados na banca, e os empresariais, centrados na gran patronal (asistidos polo Estado dominado polas forzas conservadoras -que inclúen as forzas armadas e o sistema xudicial e policial- e pola xerarquía da Igrexa católica, e apoiados pola maioría do establishment mediático) e polo outro lado, as clases populares que tentan conseguir o benestar social e calidade de vida que consideran que se merecen e cuxo desenvolvemento entra inevitablemente en conflito cos privilexios daqueles establishments. Este conflito marcou o século XX e continúa agora no século XXI. (V.Navarro)

Podería dicirse de xeito máis complexo de como o di Vicente Navarro nese parágrafo, pero substancialmente é así. O impulso do azañismo e de diversas dereitas republicanas por cambiar esa dinámica e mellorar as súas relacións coas clases traballadoras e coa esquerda en xeral foi frustrado pola guerra civil, unha exhibición de simpleza e barbarie que destruíu este reino até extremos case irreversibles, dándolle unha ideoloxía de fondo que determina fortemente a superficie política e social e que está composta de todos eses soportes institucionais que cita Navarro: un completo desastre para construír algo moderno, homologable, aberto e decididamente posmedieval.

Os intentos do novo período posfranquista non foron decididamente bos, e a citada ideoloxía de fondo campa polos seus respectos e vai da boca do ministro de defensa ás ocorrencias de Gallardón ou Wert sobre as súas materias, tan desmoralizadoras para quen aspira a que exista unha base común transpolítica en certos sectores básicos. Non é posible. Tampouco o é na área económica e social.

Algúns voceiros da dereita máis próxima ao afastado ditador seguen nesa liña insurxente e golpista, tentando animar aos profesionais das armas, moitos dos cales deben estar sorprendidos malamente polo seu novo e inesperado protagonismo político. Cun panorama nefasto por diante, calquera fantasía desa clase ten cabida, e os que viven de agardar esas cousas están felices polas posibilidades que lles abre a crise económica e, en certo modo (Cataluña), política. Neste sentido, somos a grande excepción de Europa: aquí todo é posible.

Os que tratan de desestabilizar o reino empezaron antes tentando deslexitimar os sindicatos (unha constante neses faladoiros nas que opera a ideoloxía de fondo citada), á democracia (reintroducese o tema das bondades da ditadura, con textos explícitos en diversos medios) e aos líderes adversos, empezando mesmo polo seu propio (Rajoy). Este deterioramento, á parte da crise económica, foi posible pola persistencia do fondo ideolóxico citado (nunca evidenciado de todo, nunca castigado) e pola absoluta falta de sentido político e ético nuns sectores da dereita que sempre preferiron a inxustiza á desorde, ou un xeneral a un civil, aínda que este último fóra dos seus, usando mesmo á relixión para dar cobertura ás súas barbaridades históricas.

Seguen entre nós e seguen desestabilizando. Ou deteñen as súas obsesións paralizantes ou este reino non acabará xamais de ter algunha opción no novo mundo, co risco que iso implica de definitivos conflitos sociais e/ou políticos a bordo do abismo histórico que xa coñecemos.

13/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión