A "Seño"


Iago Castro.-

Xa sei que cando un é neno todos os adultos parecen máis maiores do que en realidade o son. E visto en perspectiva, a “Seño” –por máis que o intente non dou lembrado o seu nome- non podía ter máis de setenta anos, pois aquel foi o último curso que ensinou antes de se xubilar. Pero a nós semellábanos que debía ter, polo menos, noventa. E incluso serían máis se estivesemos afeitos a manexar magnitudes superiores a cen, pero o cen era o número máis alto que á maioría nos era dado encaixar dentro do esquema numérico imaxinable.

Vestía sempre de gris, co cabelo branco e recollido para atrás nun avultado moño que aínda lle daba máis ar de bruxa. Eu incluso tiña a completa seguridade de que a súa casa, por dentro, debía de ser de chocolate e caramelo, á espera de que uns Hansel e Gretel calquera caíran na trampa. Como eramos case veciños, cando a miña nai me mandaba de recados e tiña que pasar por diante daquela casa sinxela e triste, procuraba facelo correndo a máis non poder, aínda a risco de tropezar e deixar caer a bolsa coas botellas de gasosa cheas de leite, o que daría lugar a un castigo seguro. Pero cando a manda incluía o ultramariños que estaba porta con porta coa casa da “Seño”, o pánico chegaba ao nivel máximo. En calquera momento podía aparecer a bruxa e enganarme para levarme canda ela para cociñarme nun caldeiro grande de cobre.

Era unha solteirona obsesionada coa relixión. Ler e escribir correctamente non eran senón unha condición necesaria para o máis importante, que para ela era aprender de pe a pa o catecismo para poder facer a primeira comuñón. Tiña tamén a misión trascendental de prepararnos debidamente para aquela solemne ocasión, e, se os recordos non me confunden, prácticamente a metade do tempo o pasabamos memorizando oracións. Padrenuestro, credo, avemaría, yopecadormeconfieso e non sei cantas máis. Con soniquete, para aprender mellor aquelas cousas case incomprensibles. O caso era sabelas. O problema era que se amosaba totalmente intolerante co máis mínimo tropezo, e axiña comezaba a caer sobre a víctima un torrente de insultos e labazadas dadas coa man do revés, que as máis das veces remataban cun fío de sangue a escoar polo fuciño. E, aínda por riba, actuaba con total impunidade. Os pais remataban sempre coa mesma frase:

- Se fai falla, péguelle, non teña problema.

E pegaba. Sen problema de ningún tipo. A min o medo bloqueábame completamente. Xamáis fun capaz de memorizar máis alá das dúas primeiras liñas daquelas invocacións. Abrir o catecismo e comezar a suar eran cousas simultáneas. Porque ninguén se libraba, por bo que fora noutras asignaturas.

- A ver, Castro, el credo.
- Creo en Dios todopoderoso... creador de... de...
- Burro! Idiota! ¡Eres tonto!


E polo medio, a malleira. Varias, senón todas as tardes da semana estaban dedicadas a aquela pouco refinada forma de tortura. A min, non sei por que, sempre me castigaba a ficar despois da clase, mirando cara a pizarra, cos brazos en cruz, chorando como un desesperado. A miña irmá, que cursaba oitavo curso e era a responsábel de levarme a casa despois do colexio, aparecía invariábelmente e, despois de rogar e suplicar conseguía liberarme, habitualmente media hora despois da hora de saída.

Véndoo coa perspectiva do tempo, coido que aquel primeiro curso me deixou en herdanza dúas cousas, unha boa e outra mala. Unha, a incapacidade absoluta para memorizar cousa algunha, aínda un número de teléfono. Outra, unha alerxia extrema á relixión. Deixo ao lector que imaxine cal é a boa...

É curioso pensar como nos considerabamos maiores tras deixar preescolar e comezar a primaria. Para empezar, xa usabamos bolígrafos, un azul e un vermello. Os orzamentos familiares acadaban pouco máis que para os típicos bic con capuchón que acababa, invariábelmente, roído, o que tamén era motivo de represión:

- ...vuestros padres sacrificándose para mandaros a la escuela y vosotros, como animales, ¡comiéndoos el material!

Eu creo que esaxeraba. O deseño de aquel bolígrafo, está claro, estaba concibido para estalar o pequeno apéndice do capuchón meténdoo entre os dedos e golpeándoos contra o xeonllo, e a propia tapa era ideal para axudar á reflexión mentres se calculaba mentalmente o resultado dunha suma ou, simplemente, se pensaba nos biosbardos.

Pero un compañeiro, un día, chegou á clase orgulloso e altivo. Era propietario nada menos que dun Inoxcrom prateado con botonciño para subir e baixar a punta. Espertou a envexa de todos durante algún tempo, até aquel día...

Supoño que tamén foi durante un exame, non lembro ben. Pero, dado que reinaba un silenzo absoluto e estabamos todos concentrados, tiña que ser. O colega tiña costume, non de roer, senón de chupar os bolígrafos. Eu estaba a mirar para el, distraído por aquel chupeteo rítmico e preciso, pero de súpeto a súa plácida expresión trocou inesperadamente. Púxose colorado, sacou o bolígrafo da boca, ergueuse e dirixiuse cara a fronte da clase, diante da “Seño”.

- ¿Pudu ur ul buñu?
- ¿Que dices?
- ¡Su pudu ur ul buño...!
- ¿Que tienes en la boca?
- ¡Nudu!


E plas. Unha do revés. Só podo lembrar a escena a cámara lenta, cinematográficamente distorsionada. A cabeza do compañeiro movéndose cara atrás mentres pola súa boca saían gotas de tinta azul que se ían ciscando por todas partes.

- ¡Guarro!


E outra labazada. Agora o sabor noxento da tinta fixo que o cativo abrira a boca nunha arcada mentres a cabeza volvía a retroceder violentamente. Estaba totalmente azul. A saña da sádica seguiu a aumentar. Ningún de nós ría, como sería normal. Creo que todos eramos capaces de pornos no pelexo do compañeiro, sobrepasado pola mistura de insultos, labazadas e náuseas. A interminábel escena rematou, á fin, cando apareceron os primeiros vómitos. Dous ou tres acompañamos ao pobre rapaz aos baños. Xamáis esquecerei a noxenta combinación de tinta, vómito e sangue que tratábamos de limparlle ao conmocionado compañeiro. Ao pouco, a “Seño” apareceu no baño e sacounos de alí a patadas. Aínda hoxe non entendo por que.

Na altura estou a imaxinar a incredulidade do lector. Pero si, estabamos en 1975 e, nunha pequena vila deseducada por varias xeracións de mestres escasamente formados, beatos até a náusea e posuidores todo máis de dúas ou tres certezas –a primeira delas, a letra con sangue entra-, aquel tipo de pedagoxía non era demasiado anormal. Aínda hoxe, algúns dos meus peores pesadelos fanme volver ao primeiro curso da exebé. Que medo…

02/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión