Adiantarse ao azar


Fermín Bouza.-

A abdicación de Beatriz de Holanda vai ter algunha repercusión local por razóns obvias. No caso do Reino de España unha certa crise de imaxe e de fondo da monarquía coincide cunha brutal crise económica, e a institución tende a recibir tamén os golpes da opinión pública como calquera outra institución que estea no medio da melée. A iso súmanse outras cuestións, como o caso Urdangarín, sobre todo, pero tamén outras cuestións menores que no medio dunha crise multiplícanse por mil.

Sempre tiven unha visión funcional da Monarquía, como de case todo e, visto o visto, a estancia dun Rei, Juan Carlos neste caso, no medio das batallas sempiternas deste estraño reino, parece algo máis tranquilizador que calquera outra situación, polo menos durante un período previo ao asentamento pleno da conciencia popular e democrática que poida defender, no seu caso, o sistema de liberdades neste reino.

Pero a herdanza é outra cuestión que non entraña un cambio de réxime, só de persoas. E é probable que todo aconselle facer xa ese cambio, pois estamos nun túnel económico sen fondo visible que pode tamén converterse en túnel político sen fondo predicible. Co caso catalán optouse por un camiño que non soluciona nada e perpetúa até a explosión un estado de cousas que non durará moito, e tras Cataluña o que veña despois.

Por iso é necesario expor ese tema con rigor político e ir máis aló da pura observancia constitucional: a realidade manda e pide cambios. Todo iso necesita unha dinamización tamén da institución monárquica, cuxa continuidade non depende só dunha esquerda histórica cuxa república foi demolida polos de sempre, senón da mesma dereita e doutras institucións. É quizá o momento xusto de adiantarse ao azar, a aquel azar máis tóxico, como o colesterol malo.

30 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión