Cambio de ciclo, cara a onde?

Fermín Bouza.-

Hoxe tocoulle o día a Bárcenas, o señor este que foi tesoureiro do PP e que tivo unha conta con 22 millóns de euros en Suíza. Moitos euros me parecen para ser estritamente seus. Hai que saber de onde proceden, con precisión, e que facían nas contas dese señor. Un episodio máis da gran decepción que roda e crece como unha bóla de neve caendo das cimas das serras que rodean Madrid.

E caendo sobre Madrid, que tamén acumula os problemas do señor González como presunto espía afeccionado ou como sospeitoso de non sei que dun ático en Marbella. Xa non me paro nestas cousas. Son a música dun fin de ciclo, aínda que aínda non sabemos con exactitude que é o que vai cambiar. Ao peor non cambia nada, e todo segue nesta tónica por moitos anos. É posible.

Só os electorados poden cambiar as cousas nunha democracia, e os electorados falaron aínda hai pouco. A economía segue comandada internacionalmente por auténticos vándalos sociais, por chamarlles algo suave. Un dato sociolóxico de interese: as clases medias miran á esquerda e este é un fenómeno que adoita preceder a grandes convulsións. De feito, o reino de España está nunha gran convulsión. Ímolo vendo.

19/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión