Discurso de Fernández Paz, Honoris Causa



O pasado 28 de xaneiro, festividade de San Tomé de Aquino, celebrouse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo a sesión de investidura de Agustín Fernández Paz como Doutor Honoris Causa. 
O propio autor achéganos o seu discurso lido naquel solemne acto académico no que actuou como padriño o Vicerreitor de Extensión Universitaria, o profesor Xosé Henrique Costas González.
A Voz de Vilalba aproveita para desexar moitos parabéns a este vilalbés universal!


SEIS LEMBRANZAS E UNHA NARRACIÓN

Agustín Fernández Paz.-

SEIS LEMBRANZAS
LÉMBROME da creación do mundo, que comezou cando vin a luz por vez primeira na primavera de 1947. Conforme medraba, o mundo foise desvelando ao meu redor, nun proceso prodixioso que se pon en marcha cada vez que nace unha persoa. A paisaxe da miña infancia era a de Vilalba nos xélidos anos cincuenta. Unha sociedade onde o paso das estacións marcaba o ritmo da vida: os labores comunais, os xogos infantís, o ciclo das colleitas. Un anaco da Galicia de néboa e chumbo sobre o que planaban os medos e os silencios, algo que daquela eu ignoraba.
Aceptabamos a diglosia granítica que se instalara na sociedade coma se pertencese á orde natural das cousas. O párroco, os mestres, os artistas do cine ou o médico falaban castelán, o mesmo idioma que liamos nos xornais
e tebeos ou que escoitabamos pola radio. A lingua dos usos formais, porque logo a vida de verdade se desenvolvía na fala de noso. A fala dos xogos, da familia, do traballo, dos aloumiños… era o galego.
E tamén a lingua das narracións orais que eu escoitaba fascinado, sen saber que aquelas historias asentaban os primeiros alicerces da paixón polas palabras que acabaría por levarme á escrita e a me converter, tamén eu, nun contador de historias.

LÉMBROME dos libros que lin. Nunca esquezo que, antes que escritor, son lector. Fillo doutro lector apaixonado, como era o meu pai. Con el dei os primeiros pasos polo camiño que me trouxo hoxe ata aquí. Un camiño tan dilatado no tempo que me permite falar das enormes mudanzas que se produciron na sociedade e na valoración da lectura. Coma o Roy Batty de Blade Runner, tamén eu podo afirmar que «vin cousas que vós nunca creriades». Niso, os da miña xeración fomos afortunados, pois asistimos á etapa que vai de 1945 a estes primeiros anos do século XXI, a que Ignacio Ramonet chama «a das grandes transformacións». Tamén na lectura, orfa de políticas públicas que recoñecesen a función esencial que desempeña.
Se na infancia nos conformabamos con ler o que tiñamos de man, nos anos de adolescencia e mocidade eu devecía por autores dos que me chegaban ecos, mais que non se encontraban porque a censura era brutal, a liberdade de expresión unha utopía e se silenciaban as voces que podían desvelarnos outros camiños.
Se a lectura sempre é unha conquista que precisa anos para se asentar, aínda o foi máis para as persoas da miña xeración, condenadas a non ler, ou a facelo a destempo, os autores que no século XX anovaron a visión do mundo. Castelao, Sartre, Machado, Joyce, Camus, Kafka, Beckett… Si, eu pasei fame de libros. Unha situación que contrasta de xeito notable coa actual, onde a censura se exerce con medios ben máis refinados.
Os tempos foron cambiando, como anunciara Bob Dylan en 1963, e a vida puxo nas miñas mans títulos imborrables, libros que estouparon coma unha supernova no meu interior e me cambiaron para sempre. Con Borges, tamén podería afirmar, “Eu son os libros que lin”.

LÉMBROME da inesquecible descuberta de que había libros escritos en galego. Na infancia vilalbesa, enchoupados todos no contexto galego falante da práctica oral, criamos que a escrita era algo reservado ao castelán que nos falaban na igrexa, na escola ou pola radio.
Ata que un día dos meus oito anos, meu pai chegou á casa con dous libros nas mans. Sentada a familia enteira á mesa da cociña, co hule ben limpo para non os manchar, papá amosounos a marabilla que traía: dous libros escritos en galego, Merlín e familia e Á lus do candil. Prestárallos o señor Crende, un encadernador do que era moi amigo, un home subscrito ás publicacións de Galaxia, a editorial que viñan de crear os membros do Partido Galeguista no interior.
Meu pai leunos algunhas páxinas en voz alta, que escoitamos cunha emoción semellante á do primeiro europeo que viu cisnes negros en terras australianas. Máis alá dos textiños burleiros que aparecían en El Progreso polo San Froilán ou dalgúns versos dos poetas locais que se incluían no programa das festas, había libros de verdade na lingua de noso!
Sei que outras persoas tiveron maior fortuna e medraron a carón dos libros galegos impresos antes de 1936 ou accederon ás obras editadas polos exiliados en Arxentina e México, que chegaban aquí por vieiros furtivos. Eu non. Aquela foi a miña epifanía, á que logo seguiu, xa adolescente, a emoción de ler os Cantares gallegos nunha edición perdida na biblioteca da Universidade Laboral de Xixón. A gran Rosalía, sen intermediarios, desvelándome o seu xenio e sinalándome o camiño.
Máis adiante virían outros libros, tinxidos cun aquel de clandestinos, e tamén as follas que circulaban mecanografadas con poemas onde nin tan sequera aparecía o nome do autor. Só máis adiante, facendo memoria, souben que pertencían a Celso Emilio, a Ferrín, a Novoneyra… E logo, finalizando xa a década dos sesenta, asistín á súa precaria presenza nas librarías e experimentei a emoción coa que os mercabamos. Foi neses anos cando agromou en min a decisión de escribir en galego, a intuición de que aquel camiño tupido polas silveiras máis mestas era o que realmente desexaba percorrer. Mais esa é outra historia, que hoxe non cabe aquí.

LÉMBROME do poema Penélope de Díaz Castro, chairego coma min, cada vez que reflexiono sobre o a situación social da nosa lingua ao longo destas décadas pasadas. «Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move.» Á miña xeración correspondeulle, desde os anos finais da década dos sesenta, un papel protagonista no labor de espallar e prestixiar socialmente a lingua. A través do traballo cotiá, bastantes persoas deixamos unha parte substancial da nosa vida nese afán.
Nas aulas, nos ámbitos sociais en que nos moviamos, cos nosos escritos e a creación de revistas, ou coas innumerables charlas en calquera lugar onde nos convidasen.
Canto traballo, canta enerxía levou erguer o sinxelo edificio que nos permitía soñar cun futuro mellor! Cando desde o Goberno galego, no ano 2004, se nos chamou para elaborarmos o Plan Xeral de Normalización da Lingua, referendado logo pola totalidade do Parlamento, moitos criamos posible engadirlle unha placa máis ao edificio no próximo futuro.
Non foi así, como ben sabemos. Desde hai algúns anos asistimos desacougados ao minucioso proceso de desmontaxe do edificio. Coa escusa da crise ou sen ela, os retrocesos legais sucédense con medida puntualidade. O obxectivo final semella ben claro: podar as pólas máis vigorosas do bonsai, coutar a presenza social da lingua ata confinala nun lugar subordinado.
Unha reflexión sobre o sistema educativo público levaríanos a conclusións tan inquietantes coma a anterior. A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!
Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d'A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas.
Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós.

LÉMBROME dos abondosos libros que levo escritos, en especial dos de ficción. Na súa Carta de batalla por Tirant Lo Blanc, Vargas Llosa afirma que todo narrador é un suplantador de Deus e cada narración, a historia dun deicidio. Pois, como escribiu Wislawa Szymborska, «aquí, negro sobre branco, rexen outras leis».
Acáenlle ben as dúas citas a este labor teimudo e solitario de construír mundos e darlles vida aos personaxes empregando as palabras como únicos materiais. Obsesionarse cunha historia, deixarse posuír por ela durante os meses que dure o traballo. Peneirar o escrito unha vez e mais outra, na busca desa textura capaz de espertar múltiples resonancias nos lectores, tamén nos máis novos.
Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro.
Ese é o meu xeito, o noso xeito de participarmos na cultura da humanidade. O trazo máis significativo da cultura galega, que tan ben expresaron os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade;
a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces.

LÉMBROME en todo momento de Inmaculada, a miña dona que hoxe me acompaña, e de Mariña, a miña filla. É moitísimo canto lles debo ás dúas, elas son os esteos que me sosteñen, elas son quen lle dan sentido á miña vida.
E lémbrome das miñas raíces. Dos meus pais, que fixeron todos os sacrificios para poder eu estudar. Da miña irmá e do irmao que finou mozo, e de toda a extensa familia vilalbesa: os de Louzao, os de Novo, os de Xan de Grande... Deles veño e deles aprendín as certezas esenciais que me guían na vida. Unha vida que, «por longa que sexa, sempre será moi breve», como di un verso da polaca Wislawa Szymborska.
Xaora que si, mais tamén qué rica en experiencias. Lémbrome agora dos amigos e das amigas que fun encontrando polo camiño da vida. Elas e eles danme o ben maior que pode posuír unha persoa: a amizade desinteresada. Como escribiu Aquilino Iglesia Alvariño, nun tempo en que eu aínda era un neno, «Quero contar un por un meus amigos / (...) poucos ou moitos, meus amigos son / quero contalos no meu corazón».


...E UNHA NARRACIÓN

OS EXTRAÑOS MECANISMOS DA MEMORIA

Sempre escoitara dicir, e mesmo o lera nalgún libro, que, nos breves instantes que precederían á súa morte, toda a vida pasaría de xeito acelerado diante dos seus ollos, permitíndolle revivir por derradeira vez as experiencias, amargas unhas, felices outras, que a súa memoria fora sepultando con paciencia xeolóxica no transcorrer dos anos.
Un fenómeno así, meditaba ás veces, tiña que obedecer a unha rara orde programada nalgunha secuencia da curva helicoidal do noso ADN, algo así como unha consoladora versión divina da máquina que Adolfo Bioy Casares imaxinara en La invención de Morel.
Pero algún axente debeu de alterar a secuencia que poñería en marcha o complicado mecanismo, porque, nos segundos finais da súa vida, a memoria quedoulle ancorada con firmeza na imaxe luminosa de Laura, a rapaza de ollos de mel e trenzas louras que tanto amara nos seus anos adolescentes.
E con ela chegou a música, impetuosa como a auga que baixa brava polo torrente. A música daquela canción esquecida, que agora regresaba con toda a súa potencia evocadora; a mesma que soaba cando Laura e mais el se bicaron coa emoción contida da primeira vez. Mentres a música asolagaba todos os recantos da súa memoria, foron aparecendo nítidas as cores: o vermello da saia da súa amiga, o louro das trenzas que tantas veces agarimara, o intenso verdor das follas dos carballos, a roibén do ceo na hora do solpor, a cor de mel dos ollos que non conseguira esquecer nunca.
Entendeu daquela que cando a vida enteira pasa, o único que nos queda entre as mans é a memoria dos momentos felices, a lembranza dese brazado de experiencias que en días alegres alborotaron o noso corazón.

30/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión