Discurso teu

David Otero.-

…exemplo…

( e na memoria)




Que así abrimos nesta hora a porta
anovando sucedidos compartidos,
e días…
nun ano…
que ti estás en nós sempre presente
nos corazóns ilusionados,
e militantes…
que así de ti declaramos todos non querer perder nada
nos olvidos
e levarmos teimosamente connosco
ese teu discurso…



E nel a túa memoria flúe purísima…
vólvese enerxeticamente activada
a permanente mornura e a ando do noso sol de mes primeiro
na nobreza de se abrazar á túa honra,
a tanto exemplo en irmandade,
como lagoa matria esencial
e luminosa,
plástica e sentida,
ben chantada…
e rodeada de terra por todas partes.



Velaí que por iso…
nos dicimos cómplices do teu facer
nesa obra túa substancial
tan insubmisa…
que non é máis que unha sombra poderosa
que nos acolle,
froito da luzada clara e inmedible da túa creación.
e ben que lle poñeremos título
e moi doadamente:
que así a proclamo diremos…
pobo…



E hai que ver tamén como nos acende a túa mirada…
e a túa memoria como nos acende tamén hai que ver
para apagar tantos rescaldos,
para aflorar cunetas,
e así poñer á mira tantas mentiras,
beaterías e mitras apoltronadas,
a escapularios e medallas indebidas,
a paseos da leva…
e ti…
firmemente mirándolles aos ollos…
tuteándo a historia.


Por iso sempre nos orientaches exemplarmente
para que cambiásemos de festas
e de bailes…,
de músicas e de letras,
que liberásemos os prostíbulos de incienso
e que aireásemos as camas,
que mudásemos os perfumes tan corruptos…
e que revelásemos os negativos escondidos,
silenciados,
tan gardados a sufrimentos nos corazóns reprimidos.
E que non se pechasen as portas…
Si…
que non se pechasen as portas…
para que nas rúas a mirares de limpezas,
chegándonos ás horas…
alí onde mornea o sol que nos acolle,
e mana a auga pura das lagoas vitais,
determinados na lóxica perfecta da xustiza,
na testemuña de tantos sudarios
alí… a ceo aberto…
se aprenda ben como pedir perdón
e que se pida…


E así que se pechen as feridas,
que se abran os arquivos,
e que se sequen as bágoas,
que os nosos mortos irradien a súa propia luz
e que se carguen as estrelas con todas as liberdades
para facermos os destinos ao dereito
e que se conten as historias a verdade.
Convoquemos canda ti aos perdedores
e que na memoria comunal nos abracemos,
buscando xuntos tanto amor e compartilo…
e que iso… así…pregamos…non sexa un soño…

Que se aprenda ben como pedir perdón…
e que se pida…



a primeiro cabodano de Isaac Díaz Pardo.
Lido en Boisaca de Compostela.

09/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión