Estrea de 'O refugallo'

Redacción.-

Berrobambán e Bichakadela coproducen a posta en escena desta obra coa que Paula Carballeira gañou o VI Premio Manuel María de literatura dramática infantil.

O Salón Teatro acolleu esta fin de semana a estrea de O refugallo, espectáculo teatral para público familiar que as compañías galegas Berrobambán e Bichakadela coproducen a partir do texto homónimo de Paula Carballeira. A obra, galardoada en 2011 co Premio Manuel María de literatura dramática infantil que Cultura e Educación convoca a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), foi representada en Santiago o sábado 19 e o domingo 20, ás 18.00 horas, ademais de ofrecer catro funcións escolares desde o pasado xoves.

Chiqui Pereira, director da montaxe; Nacho Sanz, compositor; e Paula Carballeira, quen ademais de autora é unha das súas intérpretes, presentaron O refugallo hoxe nunha rolda de prensa na que estiveron acompañados de Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego-Salón Teatro, así como de parte do equipo artístico desta nova proposta teatral.

Ademais da cesión do Salón Teatro para esta estrea, Cultura e Educación tamén apoia a coprodución de Berrobambán e Bichakadela con preto de 42.000 euros, adxudicados ao proxecto no marco da última convocatoria de subvencións ás industrias culturais da Agadic, na modalidade de axudas á actividade escénica.

Diversión e reflexión

Paula Carballeira, Nuria Sanz, José Campanari e David Loira dan vida a catro amigos que viven no refugallo: Isolda co seu libro de viaxes, Hipatia cun telescopio, Borobonte e a súa tartaruga, e Lustucrú cunha pata de pau. Xuntos xogan a construír un novo mundo a partir de todo o vello e roto que os rodea porque, como nenos que son, saben ver as cousas doutra maneira fronte a unha sociedade na que se impón o frenético consumo de usar e tirar.

Tal e como sinalara no seu día o xurado do Premio Manuel María, O refugallo conxuga a diversión coa presenza de valores útiles para a reflexión crítica sobre a cultura do consumismo, ao tempo que mantén un ritmo moi dinámico que a fan recomendable para os espectadores infantís e xuvenís. Para a súa posta en escena e co obxectivo de continuar afondando no achegamento das novas linguaxes escénicas ao público familiar, Berrobambán –cunha longa traxectoria en teatro infantil de actores e actrices– asociouse con Bichakadela, unha compañía de recente creación da que forman parte recoñecidos nomes do ámbito contemporáneo.

Con esta coprodución, ambas formacións buscan reafirmar a súa aposta pola innovación e polo mantemento da calidade nas montaxes dirixidas aos espectadores máis novos. Baixo estas premisas, a proposta reúne máis de 15 destacados profesionais da escena galega, entre os que tamén se atopan Pablo Pastor no deseño da escenografía, Baltasar Patiño no da iluminación, Cloti Vaello na realización do vestiario ou Pablo Giráldez na dos instrumentos. Ademais de formar parte do elenco, David Loira asina a coreografía e exerce de axudante de dirección.

Venda de entradas en billeteira

As entradas para as representacións estan á venda na billeteira do Salón Teatro. Para este espectáculo establécese un prezo especial único de 5 euros por localidade. Ademais das sesións xa representadas, O refugallo ofrecerá sesións matinais o luns 21 e o martes 22, ás 11.00 horas) en funcións concertadas con diferentes centros escolares galegos.

A programación no espazo que xestiona o Centro Dramático Galego continuará coa nova proposta escénica de Cándido Pazó: Decamerón. Historias para tempos ruíns, a partir do Decameron de Giovanni Boccaccio, que estará en cartel do 24 ao 27 deste mes con catro funcións para público xeral e dúas escolares. A continuación, será a quenda de Talía Teatro, que chegará ao Salón Teatro con O método Grönholm, do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro, e Pelos na lingua, do 4 ao 10 de febreiro. Destas dúas montaxes programaranse tamén tanto representacións para público xeral como escolares.

A nova carteleira do Salón Teatro, que inclúe asemade as primeiras proxeccións do ciclo Vidal Bolaño recuperado. Citas audiovisuais e a posta en escena de Iliria por Elefante Elegante, pode consultarse na sección "en cartel" da web do Centro Dramático Galego-Salón Teatro: www.centrodramatico.org.

20/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión