LV pasa de diario a semanario



Redacción.- Hoxe foi o último día que saiu a rúa LV.De Luns a Venres, o xornal gratuíto en galego do Grupo El Progreso, que reaparecerá convertido en semanario o vindeiro 8 de febreiro, segundo unha información que hoxe difunde o propio medio. Na mesma nota sinalase que o cambio non suporá a desaparición da información diaria, que se reforzará a través da súa páxina web, e que a nova publicación semanal aumentará as páxinas e a tirada, mantendo a aposta polo idioma galego.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), desexando os mellores ventos á nova travesía de LV, lamenta a desaparición do último dos xornais diarios en galego, despois de seis anos de presenza constante nas sete principais cidades do noso país. Sobre todo cando esa desaparición non obedece á falta de receptividade e apoio dos lectores, xa que, segundo asegura o propio medio no seu derradeiro número, "pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia, segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores". Outros 7.000 recibían o xornal a diario nos seus correos electrónicos.

Por último e non precisamente menos importante, o CPXG é consciente de que unha medida como esta, por moito que se compense con reforzos e apostas dixitais, leva aparellada despedimentos de profesionais. No actual momento profesional, os despedimentos non soamente supoñen unha suma de infortunios persoais, senón tamén consolidar a tendencia de ter redaccións anoréxicas, que garantirán tarde ou cedo unha información similar.

25 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión