Na fonte de San Xoán en Vilalba


Vicente Piñeiro.-

Na fonte de San Xoán, a Dorinda, a Benita e a Galindra lavan roupa. De tres canos sae auga, nun deles a Vicenta enche unha sella.
—Teño ben roupa que lavar, se vexo que non me dá tempo antes da noitiña volvo mañá pola mañá, non quero que me aparezan as ánimas e me zoupen o lombo como lle pasou á muller do Melchoro —dixo a Dorinda.
—Bo, hai quen di que viña borracha e que caeu a rolos pola costa abaixo ela máis a roupa —dixo a Benita.
—Xa súa nai era unha alcohólica e a filla herdouno —dixo a Galindra.
—Pobre Melchoro, moito traballos pasa con ela —dixo a Benita.
—Moita sorte tivo con el, homes coma ese haiche ben poucos —dixo a Galindra.
A Vicenta remata de encher a sella e pon a rolda na cabeza para po-ñela enriba.
—Xa se encheu a sella, vou ver se chego á casa con ela chea e non se me verte a auga polo camiño —dixo a Vicenta.
—Muller, pois non mires ao chan, pero procura non tropezar —dixo a Galindra.
—Se tropezo e caio ao chan, a xente ha pensar que ía borracha —dixo a Vicenta.
A Vicenta vaise costa arriba coa sella enriba da cabeza.
—Ela non beberá, pero o seu home non sae da taberna —dixo a Beni-ta.
O Sol comeza a pórse.
—Bo, acabei de lavar a roupa xusto a tempo. Voume que non me quero atopar coa noite polo camiño —dixo a Dorinda.
—Muller a noite non ten dentes —dixo a Galindra.
—Miña sogra di que a noite é das ánimas, da Lúa e dos espíritos que andan na escuridade —dixo a Dorinda.
—Tes que ser máis valente —dixo a Benita.
—Éche aos valentes a quen perseguen as ánimas por andar a unhas horas que non son deles. Pois as ánimas da Compaña pensan que eses te-ñen moita fachenda —dixo a Dorinda.
—Anda, vaite logo muller, non perdas máis tempo —dixo a Benita.
—Vou preparar a rolla e botar á cabeza o caldeiro coa roupa para ir-me, que xa oio cantar os paxaros da morte nos soutos —dixo a Dorinda.
—Axúdoche a poñer o caldeiro na rolla? —dixo a Benita.
—Non muller, ben podo eu soa. Vós acabade de lavar que vos ha co-ller a noite pecha na fonte. Tedes bo valor.
A Dorinda vaise costa arriba co caldeiro na cabeza.
A tasca do Caga dereito está chea de homes bebendo viño. A súa mu-ller, Dorinda, axúdalle a despachar e a cortar chourizos e queixo para as tapas. O mostrador está abarrotado de cuncas.
—Ouvistes o que lles pasou á Benita e á Galindra onte á noite? —dixo o Caga dereito.
—Pobres, levaron unha boa malleira —dixo o Celestino.
Entra o crego de Sancibrao.
—Boas noites, padre, facendo unha parada no camiño, non si? —dixo o Caga dereito.
—Veño de rezar o Rosario na casa do Xosé de Barreiro que xa sabes que morreu está mañá e agora vou camiño da casa reitoral —dixo o crego.
—E non lle deron a cea? —dixo o Caga dereito.
—Non, a casa estaba chea de mulleres chorando que nin que lles pa-gasen, pero algunhas falaban máis do que lles pasou á Galindra e á Benita que do defunto, que en paz estea —dixo o crego persignándose.
—Aquí tamén falamos diso —dixo o Caga dereito.
—Xa vexo que é aquí onde os homes celebrades os velorios —dixo o crego.
—E a vostede que lle parece o que lles pasou á Galindra e á Benita? Eu non creo nesas trangalladas que din as mulleres, que se foi o Demo, que se foron as ánimas, que se foron as meigas, xa sabe —dixo o Caga dereito.
—A túa muller estivo con elas lavando pola tarde, non si? dixo o cre-go.
—Estivo, pero ela acabou de lavar antes da noitiña e veuse para a ca-sa —dixo o Caga dereito.
—Tivo sorte —dixo o crego.
—Non, tivo medo e foise axiña. A ela non lle gusta estar fóra da casa cando os paxaros da morte cantan nos soutos. As outras lavandeiras non tiveron medo e velaí o que lles pasou —dixo o Caga dereito.
—Home, á noitiña no é cando sae a Compaña. Uns din que sae as do-ce da noite e outros as nove, pero aquí ao mellor sae en canto comeza a ser escuro —dixo o crego.
—Daquela vostede pensa que puideron ser as ánimas as que mallaron a paus ás lavandeiras? —dixo o Caga dereito.
—É o que elas din, non si? —dixo o crego.
—A miña muller, que falou con elas, di que lle dixeron que foi xente cuberta con sabas brancas —dixo o Caga dereito.
—Daquela serían pantasmas, defuntos que volven ao mundo para queixarse dalgunha cousa, para reclamar un cabodano, unha misa ou remo-ver un derrego —dixo o crego.
—Pois esas pantasmas deberían ter corpo de home, pois segundo as lavandeiras posuíronas cun óso de defunto —dixo o Caga dereito.
Dorinda está na casa da Galindra para ver si se recupera da malleira que levou na fonte de San Xoán.
—Ninguén se atreve a baixar á fonte despois do que vos pasou a vós —dixo a Dorinda.
—E a xente que di?, que se fala? Na vosa tasca ouviredes moitas cou-sas —dixo a Galindra.
—Muller, cousas ouvimos, mesmo onte estivo o crego de San Cibrao, que nos dixo que podían ser cousas de meigas, de bruxas, de trasnos, de demoños maiores ou de demos burleiros, pero que tamén podían ser rabe-nos, lambiróns ou sacaúntos —dixo a Dorinda.
—Bo, fose quen fose, a min petáronme cun óso ben gordo —dixo a Galindra.
A fonte de San Xoán estaba chea de mulleres. Era cedo e todas ocu-paban un lavadoiro. As que non atoparon un lavadoiro libre baixaron lavar ao río Magdalena.
—Isto é o que hai que facer, vir cedo á fonte para non ter problemas. O crego xa dixo na misa do domingo que non se deben provocar as ánimas, que ás veces andan perdidas e non saben o que fan —dixo a Dorinda.
—Carallo se saben o que fan, senón pregúntalle á Galindra e á Benita, que as ánimas esas, ou quen fose, probáronas ben probadas —dixo a Candidita.
—A roupa hai que lavala e eu de aquí en diante se non podo vir pola mañá hei dicirlle ao meu home que veña comigo e que agarde até que aca-be. Así tamén me axuda a levar o caldeiro para a casa e non rebento a ca-beza —dixo a Dorinda.
—Muller, e haberdes pechar a taberna toda a tarde mentres ti lavas a roupa? Ademais se hai tantas mulleres coma as que estamos agora aquí farían falta moitas pantasmas para que nos fagan dano —dixo a Lucita.
—Eu se podo, hei vir sempre pola mañanciña que agora está chegando o outono e faise noite axiña —dixo a Dorinda.
—Asia todo non veñas moi cedo, non vaia ser que non se teñan esvaecido as tebras da noite e queden por aí algúns espíritos preguiceiros —dixo a Nicanor.
Pola costa abaixo achégase a Benita cunha cesta de roupa.
—Velaí vén a Benita. Se me pasase a min o que lle pasou a ela, non sei se volvería á fonte —dixo a Lucita.
—Ai, Benitiña, xa estás mellor? Mira que volver á fonte lavar, se co-ma quen di acabas de saír de estar morrendo na cama —dixo a Dorinda.
—Ola mulleres. Xa me dixeron que agora viñades a lavar pola mañá e eu quixen aproveitar que me fai falta roupa limpa e non quero lavar soa aínda que sexa á metade do día —dixo a Benita.
—E en que lavadoiro estabades ti e máis a Galindra cando vos zoupa-ron os da Compaña? —dixo Nicanor.
—Non sexas tan fina muller, di cando vos violaron. Pero eu agradézo-cho, e non estabamos no lavadoiro, foi cando xa nos iamos para a casa, aí no descampado antes de subir a costa.
—E como apareceron? Cantos eran? Tiñan ese halo de labaradas que din que os envolven? Hai quen di que son metade corpos e metade esqueletos —dixo Nicanor.
—Nós agora pensamos que foron as Bruxas —dixo a Benita.
—As bruxas non violan, ou si? —dixo a Lucita.
—Anda, Dorinda, cóntalles o que dixo o outro día na túa tasca aquela muller do Carrizo que bota as cartas —díxolle a Benita á Dorinda.
—Falando do conto, á muller que vota as cartas contámoslle o que me dixo a Galindra cando a fun ver á casa, que cando ela e máis ti acabas-tes de lavar, collestes a cesta da roupa e saístes da fonte ao descampado para coller a costa. A Galindra asubíolle ao can que sempre baixa á fonte con ela e velaí que ao asubiar apareceron os violadores —dixo a Dorinda.
—De primeiro quixéronnos cravar unha forquita de coller a palla. Despois metéronnos medo e sustos. O can fuxiu. Berramos por axuda e comezáronos a dar moquetes. As súas mans estaban moi frías, semellaban doutro mundo e despois xa sabedes que nos pegaron cun óso ben duro —dixo a Benita.
—Pero que foi o que dixo a do Carrizo? —dixo a Lucita.
—Dixo que asubiando nun descampado convócanse as bruxas. Aco-den todas xuntas e arrebólanlle ao que asubía un peite de asedar o liño con intención de cravarllo ou péganlle unha malleira de paus até case matalo —dixo a Dorinda.
—Pero non violan, ou si? —dixo Lucita.
—Diso non falou nada. Pero mañá dixo que ía volver. Se queredes que vos bote as cartas e tomar un tinto, vide até a taberna mañá á noitiña —dixo Dorinda.
Polas rúas de Vilalba hai bandos pegados ás paredes. A xente aché-gase a lelos.
—E que é o que di o bando? —dixo un cego.
—Di que a xente non ande desde as nove da noite polas rúas, e que non vaia por auga ou lavar ás fontes nin ao anoitecer, nin coa noite pecha, nin ao amencer —dixo un home que estaba alí.
—Daquela que é o que pasa? —dixo o cego.
—Debe ser polo asunto das malleiras que lles pegan ás mulleres —dixo o home.
—E quen lles pega? —dixo o cego.
—Din que son as ánimas do purgatorio que volveron para despedirse e non saben de quen.
Na tasca do Caga dereito e da Dorinda está a muller das cartas do Carrizo que veu co Sidoro e coa súa muller, algunhas mulleres das que van á fonte de San Xoán lavar a roupa e os habituais de sempre.
—Xa sabedes que esta noite na Fonte dos Tres Canos déronlles outra malleira a dúas mulleres da Porta de Encima que foron por auga. Isto xa é cousa do Demo —dixo o Caga dereito.
—Eu falei con elas e dixeron que viran unhas luciñas e despois unha procesión de ánimas —dixo a Dorinda.
—Esas ánimas toman forma de avelaíñas, bolboretas, paxaros, abe-llas, porcas, lagartos... Ás veces veñen amolar á xente, meterlle medo e as máis agresivas, zoupan —dixo a das cartas.
—Contos. Esas ánimas ruíns son as que van ao inferno e o Demo non as deixa saír. Se chamardes a Pepa a Loba veredes como se acaban as áni-mas esas. Pepa sempre defende ás mulleres maltratadas por vivos ou por mortos. A miña muller sabe como avisala en caso de perigo —dixo o Sidoro.
—Mañá á noitiña imos lavar á fonte, eu vou con vós, se veñen as ánimas toco o chifro co que se chama a Pepa a Loba e despois de mañá non volven —dixo a muller do Sidoro.
A muller do Sidoro, a Dorinda, a Galindra, a Benita, a Rosenda e tres mulleres máis, lavan a roupa caladiñas. Súpeto ladra o can. Ao lonxe apare-cen tres ánimas con velas acesas e arrastrando unha cadea de ferro. A mu-ller do Sidoro deixa que se acheguen á fonte e sopra o chifro. Súpeto, apa-rece Pepa a Loba e os seus doce homes armados.
—Vós só sodes ánimas de homes, non si? —dixo Pepa a Loba poñén-dose diante das pantasmas e os seus homes por detrás.
—Si, só —dixo a ánima.
—E se só sodes ánimas, como facerdes para violar ás lavandeiras? —dixo Pepa a Loba.
—E quen demo es ti? —dixo a ánima.
—Eu son a que vos vai romper ese óso co que violades ás mulleres e a que vos vai mandar para o inferno que é onde deberiades estar —dixo Pepa a Loba.
Pepa a Loba fai un sinal aos seus homes. Achéganse ás ánimas e quí-tanlles as sabas que traen pola cabeza.
—O crego de San Cibrao e os señoritos da vila tiñan que ser —dixo Pepa a Loba sacando a pistola—. Agora espídevos ou pégovos un tiro e os meus homes péganvos outro. Que estas mulleres están acostumadas a ma-tar os porcos e saben moi ben por onte teñen que cortar. E avisade aos vo-sos amigos que como teña que volver, a eles córtollelo eu.

11/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión