O auditorio de Vilalba



Xulio Xiz.-

Teño que confesar que desde que abríu ao público, a min éncheseme a boca falando do Auditorio de Vilalba, sen dúbida o mellor existente na provincia de Lugo, incluída a capital que tanto tempo despois non ten máis Auditorio que o que Vicente Quiroga construíu hai case trinta anos reformando unha vella nave da antiga factoría Frigsa.

En Vilalba a existencia deste Auditorio foi posible pola conxunción de determinadas circunstancias. Unha delas, e ben importante, foi que Carmen Estévez Eguiagaray – da que agora o Auditorio leva o nome- namorouse da idea e non parou ata que Vilalba tivo este auditorio. Carmen Estévez estaba casada con Manuel Fraga, daquela Presidente da Xunta, e foi o acicate para que o Conselleiro Cuíña nos dotase dunha instalación coma esta.

Foi tamén bo que daquela fose época de expansión e alegría económica, e que a Xunta puidese investir máis de mil millóns de pesetas nunha instalación coma esta, cun escenario no que se pode representar calquera espectáculo cultural, con máis de cincocentos posibles asistentes, e locales para a Banda, exposición, e diversas actividades.

Daquela non se pensou, parece ser que ninguén o pensou, que unha instalación coma esta precisaba un mantemento a longo prazo, acorde en custo co orzamento da súa construcción. E non se calculou, porque era un agasallo de categoría e a un agasallo coma ese nin se lle poñen tachas nin se pon un a discutir canto lle vai costar mantelo.

O caso é que pasaron quince anos, e como toda obra humana, o edificio precisa reparacións urxentes que eviten filtracións de auga e maiores deterioros da instalación, calculándose que a posta a punto do Auditorio pode costar arredor de trescentos mil euros, que veñen ser cincuenta millóns das antigas pesetas.

Así están as cousas. Esto non é culpa de ninguén, máis que dos elementos que van “gastando” un edificio, que hai que reparar. E é moi lóxico que no concello, tanto o goberno como a oposición, estean preocupados por darlle solución a este problema que evolucionará e farase máis grande canto máis tempo se tarde en solucionalo.

Pénsase na Xunta e na Deputación como institucións que poden e deben axudar neste problema, polo que ben poden poñerse de acordo PP e PSOE en dirixirse ás dúas insstitucións, para conseguir axudas por parte das dúas: Os do PP na Xunta e os do PSOE na Deputación, e conseguindo resultados, todos contentos.

Que ese é o xeito... discutindo os políticos entre eles non se gana nada. Planteando os temas conxuntamente, onde mellor un pode facelo, hai garantía de solución. Pois iso.

18 de xan. de 2013

7 comentários :

  • A verdade é que, para variar, nesta ocasión non estou moi de acordo co artigo de A Voz de Vilalba, e digo por qué:
    - En primeiro lugar, Xulio di que o auditorio foi unha teima persoal da dona de Fraga: pois resulta ben triste que a dotación cultural das vilas e cidades de todo o mundo dependan do 'ramalazo' da dona (ou do marido) do/da dirixente de turno. O acceso á cultura é un dereito social propio e inherente ás persoas, e non unha dádiva nin un galano.
    - Por outra banda, dicir que o estado actual do auditorio non é culpa de ningúen mais que da meteoroloxía é tratar cun indulxencia papal aos responsables municipais, responsables últimos da conservación do edificio. Case poido imaxinar ao señor Criado collendo ao vóo o argumento do señor Xiz, dicindo "Yo no mandé a mi Auditorio a luchar contra los elementos..."
    - Finalmente, paréceme totalmente desacertado dicir que 'os do PP que pidan na Xunta, e os do PSOE na Deputación'. A reparación do auditorio (nin outras cousas similares) non se pode deixar a unha interpretación partidista e/ou pedigüeña. Si é de xustiza arranxar este auditorio (que o é), ten que ser o señor Criado quen 'mova o cú' ata Lugo, ata Santiago ou ata Madrid si fose preciso (que ben que o fixo 2 veces en 15 días para outros asuntos). E ten que ser el, e non os socialistas, porque él, como máxima representación do Concello, é o único responsable do estado actual de cousas.
    Pablo.

    18 de xaneiro de 2013, 17:16

  • O Auditorio xa naceu con importantes problemas de filtracións de auga, e xa en 1997 os que sabían do tema comentaban que o remate da licitación, moi por baixo do tipo establecido pola Xunta, fora unha baixa temeraria.

    Pero claro, o Concello non se atreveu a pedirlle responsabilidades á UTE construtora, non fora a ser que non lles deixaran certa discoteca para os mítines.

    Pero tampouco o Concello moveu un dedo para arranxar as deficiencias, nin para garantir un mantemento mínimo. Neste senso, a desidia dos distintos concesionarios salta á vista.

    As responsabilidades hai que buscalas en:
    a) a construtora
    b) a empresa que levou o control de calidade
    c) o responsable do mantemento unha vez rematado e entregado o edificio.

    E non hai máis voltas que darlle. Hai un inoforme de Justo Portela, arquitecto da oficina municipal de rehabilitación, que di ben clariño por que o Auditorio está como está.

    Por certo, o auditorio non foi un "capricho" de Carmen Estévez. O equipamento íase facer no sitio onde está o novo ambulatorio. A intervención de Carmen Estévez, a instancias do crego de entón, foi para levalo ás Pedreiras e, de paso, regalarlle patrimonio á Igrexa. Que todo se acaba sabendo...

    19 de xaneiro de 2013, 01:22

  • Pésima xestión.
    De un edificio que podía ser un referente pasamos a unha hipoteca convertida nunha piscina. Se a mala construcción sería motivo xa de por sí para estar anoxados, a despreocupación total e absoluta e o consecuente abandono das instalacións, o desprezo recibido polos pais de alumnos do conservatorio, subida de taxas, e o plantexamento dunha hipotética reducción de horarios lectivos, profesorado e especialidades etc. non fan máis que aumentar a crispación.
    Que alguén diga claramente que os teitos se caen, que os baños están inutilizables, e que todo o sistema de recollida de augas está inutilizable. E que os nosos pequenos estudian alí.
    O que non queira críticas, que non se meta en política. E se queren cumpridos, que fagan as cousas como as teñen que facer. Xa están tardando, 15 anos.

    22 de xaneiro de 2013, 11:58

  • O Auditorio foi, ao igual que o estadio da Madalena e o Parador, unha obra política máis, ou sexa algo inncesario para Vilalba, edificado en tempos de bonanza económica. No noso pobo precisábase investir en moitas cousas pero non en edificios que nos custaron moitos cartos e agora vemos que resultan inútiles. Agora como estamos ante unha crise imprevista, ninguén inviste un can. O auditorio carece dunha programación cultural seria e dubido moito que se poda levar adiante nos vindeiros anos porque os grandes espectáculos custan moitos cartos e, polo que se viu, a xente non está disposta a pagar. Ao igual que o Auditorio, obsequiáronnos cun estadio de fútbol, que case cumpre o regulamento da UEFA para competicións europeas, ao que acoden menos de 300 espectadores. Mentres, o Parador vai pechar catro meses ao ano. Non creo que houbera moitos turistas dispostos a pagar 120 euros por unha habitación, cando sobran establecementos que a ofertan por menos de 50. Así que non fagamos máis obras políticas no futuro. Invistamos no que realmente a xente lle interese; esquezámonos dos falsos salvadores da patria, dos que tivemos dabondo e vaiamos ao quid da cuestión de cada tempo. Agora vemos que temos demasiados centros inútiles. Non só os tres os que fixen referencia, senón para que serve a Casa da cultura senón para ser un centro de lectores da Terceira Idade, e para que é o vello ambulatorio no que supostamente está instalado un museu que apenas coñece ninguén en Vilalba. Cal será a próxima obra inútil que nos obsequien cando pase, se é que pasa algunha vez, a actual crise?. Se cadra póñennos un circuíto de Formula 1, aínda que logo se celebren carreiras de cars.

    Xan do Muíño.

    22 de xaneiro de 2013, 18:14

  • En resposta a Xan:
    As actividades de ocio non son inútiles. Un pobo sen esas actividades é un pobo morto onde ninguén quere vivir. O ocio tira da hostelería, e a hosteleria de todos os servicios. O deporte é saúde física, e a cultura saúde mental.
    E de todos os edificios dos que te queixas, precisamente o auditorio é o máis importante. Que ninguén esqueza que alí está o Conservatorio e que a música é unha carreira. Para algo que temos en Vilalba, que non nolo quiten.

    23 de xaneiro de 2013, 10:22

  • Para o comentario 5:
    Como non podía ser doutro xeito, respecto moito a túa opinión, ademais de considerala interesante. Pero, coido que non entendíche o sentido do que escribín. Evidentemente estou a favor do espallamento da cultura e moi especialmente entre os máis desfavorecidos. Agora ben, quero aclarar que non me opoño a actividades, senón todo o contrario, pero si ao xeito en que se tratan de desenvolver. Non era preciso semellante mamotreto para ter un conservatorio, que o podía albergar tranquilamente a actual casa da cultura, evitando que sexa un edificio que está a caer no esquecemento. Tampouco entendo moi ben que fai un museu que non o visita ninguén no antigo ambulatorio. Hai que lembrar que temos unha biblioteca, bastante desaproveitada, que podía facer as veces de casa da cultura, ademáis doutros edificios aledaños á Casa do Concello que apenas se usan ou se lle está a dar unha utilidade moi escasa ou incluso me atrevería dicir que moi allea para o que foron concebidos. Agora que están feitos, pois non os vamos a tirar, xa que nos sairía máis cara a salsa que o peixe. Só compre darlles a utilidade que se merecen e, de xeito especial, ao Auditorio que foi un deses agasallos faraónicos que nos deixaron os que nos gobernan. E vaia por diante o meu apoio aos estudos musicais e a cultura e tamén o deporte, pero entendo que había outros xeitos de facelo sen que resultasen tan costosos.

    24 de xaneiro de 2013, 22:00

  • Só quería apuntar algo no debate, pois vin algún comentario sobre a suposta utilidade do Auditorio. Gustaríame engadir que o escenario e as butacas, que últimamente parecen carecer de senso (botándolle unha ollada ao programa cultural dos últimos meses... ben chegaba o escenario do Centro Recreativo), só representan unha parte das actividades que se realizan no edificio. Convén lembrar que o Conservatorio Municipal ten a súa sede na precaria estructura (De feito, a fotografía corresponde á aula 16 onde aínda hoxe hai unha tutoría)e dubido moito que tal volume de clases, alumnos e profesores teñan sitio na desaproveitada Casa da Cultura.
    E xa non estamos a falar de catro tinas para catro goteiras: todo o piso superior ten as paredes negras de humidade, e os teitos dos baños dos pisos superiores caeron. Non me debería molestar en mencionar o espantoso estado de calquera piano da última planta.
    Calquera día cae o chan... e perdemos a un docente ou a un alumno. a ver quen carallo pagará iso, se o -mal- Criado, o concello, a Xunta ou a oposición.
    Atentamente, un Músico Indignado.

    4 de febreiro de 2013, 22:46

Danos a túa opinión