Para defender unha lingua


Noa Castro.-

Moita xente nova prefire comer unha hamburguesa, e non un prato de caldo, unhas filloas ou un cocido. Substituímos os antigos lugares de encontro, as tabernas dos pobos, por pizzerías, e a vella tenda por un gran centro comercial.

Parece que o mesmo queren facer coa lingua, que o galego ten que sustituírse polo castelán ou polo inglés; e eu pregúntome, por que? Algunha xente nova semella ver no inglés ou no castelán unha oportunidade para, deixando de lado a súa lingua propia, elevar a súa posición social ou económica.

Agora pretenden que o inglés sexa vehicular nalgunhas materias do ensino obrigatorio, na mesma proporción que o castelán e o galego. Parece unha reviravolta a outros tempos, cando se tentou facer desaparecer a lingua galega dos usos sociais, relegándoa a un ámbito doméstico.

Pero isto non é só culpa dos políticos, senón tamén das persoas que deixan de falar o galego para adaptarse á corrente, para ser igual, para non ser diferente, polo que dirán, que se o galego é moi rural, moi bruto..., hai moitos prexuízos baseados na ignorancia.

A min gústame ser galega, coa miña identidade, diferente de outras, pero non por elo mellor nin peor. Temos unha lingua propia, aquela que os nosos devanceiros construíron e conservaron ao longo de xeracións.

Imos seguir a moda? A min ensináronme a non avergoñarme do meu e dos meus. Avergoñámonos do galego?, seguramente aqueles que sí o fan, é porque non sinten que o galego lles pertenza, que sexa seu. Para conservar unha língua hai que querela e, sobre todo, usala.

27/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión