Que coman doces!





Iago Castro.-


Por legal que sexa, non parece moi democrático que a presidenta do Parlamento decida a quen poden convidar ou non os deputados para asistir ás sesións desde a tribuna do público na que, a fin de contas, é a casa de todos en canto sé da máxima expresión da vontade popular. Resulta chocante, ademáis, que se poda adoptar unha medida deste tipo con carácter preventivo. É como se a policía andivera arrestando xente “por se acaso”, algo impropio dunha democracia.

Non parece tampouco moi lóxico que un parlamento democrático poda converterse nunha especie de manifestódromo, interrumpindo o traballo para o que, a fin de contas, eleximos aos nosos representantes, pero cando a xente sente a necesidade de facer chegar as súas inquedanzas ás mesmas portas do templo da democracia, ao mellor é que entende que aí dentro non estan debidamente presentes.

Pero, se cadra, estas medidas están a errar o tiro. A política está, entre outras cousas, para escoitar a voz da rúa. Restrinxir a asistencia de convidados ao Horreo ou selar policialmente a Carrera de San Jerónimo lembra aquela frase apócrifa de María Antonieta: “Se non teñen pan, que coman doces”. Subidos á súa torre de marfín, os nosos representantes permanecen de costas a unha realidade cada vez máis penosa. E así nos vai.

29 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión