Que a lingua te acompañe!



Mercedes Queixas Zas.-

Ben sabemos que a balanza que mede con precisión o valor dunha lingua é o seu uso social. Non hai mellor pluviómetro lingüístico que ese día a día que nos enchoupa da sonoridade das voces galegas nos nosos percursos e encontros. O uso que as persoas facemos dunha lingua é o osíxeno que a alenta.

Lembro unha conversa mantida hai uns anos con Isaac Díaz Pardo en que eu escoitaba ben atenta como me explicaba as dificultades para introducir no galego estándar o vocábulo orzamentos no canto de presupostos, por ser aquela unha voz lusa e que, como tal, cumpría enxergar desde certa distancia. O uso reiterado, oral e escrito, en contextos formais e informais, foi quen de a converter hoxe nun estendido substantivo común. Se algo non comprendermos en certos orzamentos -especialmente, os que falan das macroeconomías altivas e afastadas das prioritarias necesidades das persoas- non vén predeterminado polo descoñecemento da semántica da palabra.

A incorporación de novas voces enriquecedoras para o galego -e consecuentemente para a cidadanía galega- foi e segue a ser fluída, pois a lingua sempre está á altura das necesidades que a sociedade ten no presente para nomear a realidade que lle é propia.

Neste sentido, desde o paso que a realidade nos marca e desde a necesidade do uso, fomos amplificando a lingua de noso. E recoñecemos o xénero feminino do substantivo síndrome -e da súa sigla dramática SIDA- ou o xénero masculino para nomearmos o masacre que de cando en vez nos atorda como un cruel pesadelo inhumano.

Recentemente, unha palabra agochada da linguaxe común, reservada para ámbitos xurídico-administrativos ou médicos, coouse abruptamente nas nosas vidas, mancándonos os sentidos e alporizando o sentido común. Unha realidade económica capitalista, neoliberal, irracional e depredadora, déunola á luz para sumir a cidadanía afectada nas tebras máis mestas: desafiuzamento.

A lingua nunca deixa de nos acompañar...

http://prolinguagalega.org/voces/2013/01/23/que-a-lingua-te-acompa%C3%B1e

Baixo Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior

25/01/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión