Sextina ás foxas do Amenal (O Pino)

Vicente Piñeiro.-

Á memoria de tres veciños republicanos
de Boimorto asasinados polos falanxistas o
día 20 de agosto de 1936.

Nas terras de Boimorto ábrense foxas,
algúns din xuramentos, outros pregos,
nas foxas só hai ósos, non hai almas,
que subiron ó ceo, e foi á alba.
Os fachas dispararon ben ó branco,
era o vinte de agosto, o ceo azul,

Brigadas do amencer, camisa azul,
encheron de cadáveres as foxas,
Isidro, Andrés, Caitán, foron o branco,
os fachas enterráronos sen pregos.
Leite de lúa se bebía á alba.
Cavade a lúa, nela están as almas.

Cavade a lúa, alí están as almas,
cavar na Lúa, no ar, no ceo azul,
abrídelles un oco, abrídeo á alba.
O preludio clareaba sobre as foxas,
e houbo tiros e non houbo pregos,
cando o Sol ía verténdose de branco.

Vestíanse de negro, non de branco,
os escuadróns da morte sen as almas,
cantar o Cara ó Sol eran os pregos,
nas gorras un sol negro, blusa azul,
e un aguia que voaba sobre as foxas,
ocultáballe a luz da lúa á alba.

As brigadas da morte ían á alba,
pasear os presos, disparar ó branco,
deixando apiñados sobre as foxas,
os seus corpos furados sen as almas.
De sangue se manchaba o ceo azul,
aguias de San Xoán e poucos pregos.

Dicíanse blasfemias, poucos pregos,
disparos e blasfemias case á alba.
As almas ían cara ó ceo azul,
ó morrer viron un camiño branco.
Ladraba un can, el vía ir as almas,
e medraban as flores sobre as foxas.

Non hai almas nas foxas, sobran pregos.
Desde a alba esperade o astro branco,
e vede as almas polo ceo azul.

22 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión