Viaxes conxugais

Ramón Chao.-

Un automobilista francés percorreu en quince horas, de vez, os mil e pico quilómetros que separan Niza, no Costal Azul, das Ardenas, na fronteira belga. Saíu ás sete da mañá e chegou ás dez da noite xusto para a cea de Noiteboa e pasar o "reveillón", como aquí se acostuma, cos seus fillos e netos. Acompañábao a súa esposa, ben amarradiña no asento, co cinto de seguridade atado e ben atado.

Supomos que el lle dixo ao saír o ritual "ça va?" e ela contestoulle o mesmo, así de equitativos son os franceses; ou cando menos é o que el di entender, xa que sempre escoitamos o que nos interesa ouvir.

Seguramente que seguiron falando do tal sorte: Non estás cansa?, e é posible que cando se achegou a hora para comer engadise Eu non teño fame, e ti?, sen agardar a resposta. Quen sabe! Pode ser mesmo que agora pense el, asegure, declare, que foron falando animadamente todo o tempo.

Así, todo moi banal, chegaron e resulta que a señora estaba morta. Segundo a autopsia falecera dun paro cardíaco xusto ao perder de vista o azul do Mediterráneo. O bo home foi detido. Acúsano de transportar ilegalmente un cadáver. Aduce que non se deu conta; que a súa esposa se comportou como sempre que viaxaban xuntos. Adoita suceder, verdade?, que nas relacións de parella un dos dous estea morto. A miúdo ambolosdous.

12 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión