Comeza o ano Vidal Bolaño

Redacción.-

O Salón Teatro de Santiago acollerá en febreiro e novembro estas citas coa obra do dramaturgo compostelán, comentada polos profesores Inma López Silva e Xosé Manuel Fernández Castro.

Vidal Bolaño A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Salón Teatro de Santiago o ciclo Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais, co que o vindeiro 6 de febreiro dará comezo a programación especial que o Centro Dramático Galego (CDG) dedica ao autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Este programa, que ofrecerá un total de 12 sesións arredor doutras tantas pezas teatrais escritas e/ou dirixidas por Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002), foi presentado hoxe polo director do CDG, Manuel Guede Oliva, e os profesores Inma López Silva e Xosé Manuel Fernández Castro, encargados de comentar e analizar os espectáculos a partir das gravacións cedidas pola familia do dramaturgo, o CDG e o Centro de Documentación Teatral do INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música).

De entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro, o ciclo desenvolverase en dúas quendas, a primeira delas en febreiro e a segunda en novembro, con sesións ás 19.00 horas nos tres primeiros mércores e xoves de cada un destes meses.

Participación do público

O director do CDG referiuse a que a iniciativa está orientada á recuperación e á promoción da obra e a figura de Roberto Vidal Bolaño con dúas series de sesións, programadas a principios e a finais de 2013, como maneira de contribuír a que a pegada do dramaturgo "se manteña visible durante todo o ano, como o enorme home de teatro que foi", dixo.

Guede Oliva explicou ademais a metodoloxía de desenvolvemento do programa, que se deseñou coa finalidade de ser "atractivo para o público e de xeito que a xente participe e interactúe". "Así –engadiu– a través dos fragmentos de vídeo comentados polos especialistas, as sesións faranse moito máis dinámicas no seu obxectivo de ir subliñando a práctica dramática que Roberto Vidal Bolaño construíu".

Plataforma de divulgación

Desde o CDG –para o que Vidal Bolaño desenvolveu traballos como dramaturgo, director, adaptador, deseñador de iluminación, escenógrafo ou actor nunha decena de espectáculos– ofrécese así unha nova plataforma para afondar na divulgación da dramaturxia e o oficio escénico da que é unha das figuras claves na historia do teatro profesional galego. Contarase para tal fin coas achegas da escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva e do profesor Xosé Manuel Fernández Castro, autor do estudo A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño.

O ciclo iniciarase con Agasallo de sombras, espectáculo que Roberto Vidal Bolaño escribiu e dirixiu para o CDG en 1984, ano no que botaba a andar a compañía pública. No calendario de proxeccións figuran tamén outras seis producións do Centro Dramático Galego, das que catro son textos da súa autoría levados a escena por outros directores (A burla do galo en 2000 por Xan Cejudo; Mar revolto en 2001 por José Martins; Laudamuco, señor de ningures en 2003 por Antonio Simón, e As actas escuras en 2010 por Xúlio Lago) e dúas son obras doutros escritores adaptadas e dirixidas por Vidal Bolaño (Xelmírez ou a gloria de Compostela, de Daniel Cortezón, en 1999 e Rosalía de Ramón Otero Pedrayo en 2001).

Ademais, o programa recupera a través destas proxeccións cinco das montaxes que Vidal Bolaño escribiu e dirixiu para as súas compañías Antroido (Caprice de dieux, de 1985) e Teatro do Aquí (Saxo Tenor, de 1993; Anxeliños, de 1997; Rastros, de 1998, e Animaliños, de 2002).

Ofrecerase pois un amplo percorrido pola traxectoria teatral de Roberto Vidal Bolaño nas súas facetas de autor e director, afondando ao tempo na vixencia do seu legado e incidindo na transcendencia que para as artes escénicas galegas ten o feito de que, por primeira vez na súa historia, a Real Academia Galega decidira homenaxear no Día das Letras Galegas a un autor dramático que, asemade, consagrou a súa vida profesional ao oficio teatral.

8 de feb. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión