Contra todos

Fermín Bouza.-

Vista a intervención do singular Floriano (querelarémonos contra todos), en liña con Pons, non me cabe moita dúbida de que o PP está a tentar suicidarse. Non debemos axudarlle: é a dereita deste país e sen ela é complicado dicir que isto é unha democracia. Hai que convidala a que modifique a súa estratexia de defensa, un absoluto desastre comunicacional, e que se poña ao loro de atender á xente de acordo con realidades expresivas sustentables no empírico, na racionalidade e na xurisprudencia sobre a cuestión. E que non tema tomar decisións cara a si mesma se chega o caso, pois querelarse contra todo o mundo é patético e non tranquiliza a ninguén.

As confirmacións que se van producindo desde o propio PP sobre a xente que si se sente concernida polo asunto son cada vez máis. Todos lembramos o chamado caso Naseiro, unha exhibición de impunidade que non debe repetirse baixo ningún concepto. Acababamos de saír da ditadura. Non máis. Pensen en saír desta o mellor posible, e non tenten outra cousa menos santa. Nesa liña tentaremos que non se suiciden, como neste momento parece que queren facer.

As flores do mal

Sóame de algo este título, pero agora non lembro que cousa poida ser. Por primeira vez vin, con motivo do tema Gürtel-Bárcenas, divisións nas voces públicas do PP, tanto xornalistas como políticos, aínda que menores e mornas tales divisións de criterio. Con iso e con todo, parece que uns quixesen aclarar ben as cousas e outros quixesen botar terra, facer como sempre, insultar moito a Rubalcaba (antes era Zapatero) e tirar millas até outra e o que veña.

Que haxa xente que quere aclarar as cousas xa é un paso. Nunha emisora de televisión eclesiástica díxose que polo PP se lle estaba botando a culpa a Gallardón, "sempre disposto a sacrificarse polo partido" (fina retranca, ao parecer). Saben, en todo caso, que a filtración podería vir de dentro do propio PP e desde unha guerra invisible que aos humanos mediopensionistas non se nos alcanza.

Abúrreme a corrupción e lévame á melancolía, por iso preferiría estar a falar de política ou de economía. Tamén de comunicación, aínda que desta última si falei: en tempos de crises, o PP sempre dá unha boa lección de como non se debe comunicar. Apréndese moito ouvindo a Cospedal, Pons e Floriano. É o bo de que pasen estas cousas.

Un día serio

Querelarse contra todos e bloquear as iniciativas parlamentarias de investigación non é o mellor camiño para o PP e tende a confirmar a idea xeneralizada de que algo grave pasa e o partido deféndese como gato panza arriba e a calquera prezo. Mala cousa, mala comunicación, nulo sentido estratéxico e o inimigo dentro da casa. Un panorama moi complicado que tende a complicarse máis desde o primeiro día e a cuxa complicación colabora a prensa afín negando aínda máis que o propio partido.

Os tempos son gravísimos e moita xente comeza a estar na absoluta marxe social da miseria e até da fame. Non hai bromas, insisto moito nisto. Ningunha broma. Cando se chega a este punto calquera cousa é posible e hai que lembrarlle ao PP que debe colaborar moi activamente a despexar o panorama, a facer as cousas moito mellor do que as fai e a non ser un obstáculo nin para a recuperación nin para a orde e a pulcritude política e económica do reino.

Hoxe é un día moi serio porque as cousas están a porse moi serias en todas as frontes en que ocorren cousas significativas.

05/02/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión