Moncho Paz debuta en www.mundiario.com


Redacción.- O xornalista chairego Moncho Paz debutou onte como columnista en www.mundiario.com, primeiro xornal global de análise e opinión, editado e dirixido por José Luis Gómez. A súa reflexión desta semana xira en torno ao papel das deputacións provinciais, que saen reforzadas tras a polémica reforma local promovida polo Goberno de Mariano Rajoy. O autor cuestiona a existencia destes organismos, caracterizados por "unha xestión orzamentaria obsoleta, con dependencias estruturais. múltiples clientelismos, urbanismo non planificado, escaso investimento en recursos humanos e unha dimensión política decimonónica e minifundista" e remata reclamando a necesidade dunha reforma constitucional no Estado español.

Moncho Paz, profesional dos medios especializado en comunicación corporativa, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Figura inscrito no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, na Federación de Asociacións da Prensa de España e na International Federation of Journalists. Comezou a súa andaina no diario El Progreso de Lugo. No exercizo libre da profesión, colaborou con outros rotativos, como El Correo Gallego, El País e Xornal de Galicia. É membro do equipo de redacción da revista tecnolóxica Código Cero, co-editor de A Voz de Vilalba e forma parte das xuntas directivas da Asociación de Periodistas de Galicia e da Asociación PuntoGal. 

Tertuliano habitual en debates de TV, tamén foi director e moderador do programa semanal de actualidade informativa "Xanela Aberta", emitido polas cadeas vencelladas á Agrupación de Televisións Locais de Galicia Onda Nós. Socio de Dircom, Moncho Paz dedícase desde hai máis de quince anos á comunicación institucional, primeiro no eido das artes gráficas e actualmente nos sectores de enxeñería, arquitectura e consultoría.

26/02/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión