O meu reino por un cabalo!

Paulo Naseiro.-

Investigadores da Universidade de Leicester, en Inglaterra, veñen de confirmar que os restos atopados debaixo dun aparcadeiro desta cidade pertencen a Ricardo III Plantagenet, morto o 22 de agosto de 1485 na batalla de Bosworth.

Se hoxe, cinco séculos despois, este Ricardo parece que deforme e contrafeito é un personaxe popular é grazas a Bill Shakespeare, que na seu drama histórico The Life and Death of King Richard III retratou a un sádico fillo de puta que non dubida en facer matar ao seu irmán Clarence, aos seus sobriños os mozos Eduard e Richard, aos lores Hastings e Buckingham e incluso á súa propia muller, Lady Ann Neville –a quen antes lle matara ao primeiro marido e ao sogro-, todo para acceder el mesmo ao trono sendo o candidato con máis remotas posibilidades.

Sen dúbida, a maxistral interpretación de Sir Lawrence Olivier na magnífica produción cinematográfica de 1955 fixou no imaxinario popular a un Richard que, se ben é tan sanguinario como require o texto orixinal, aparece un punto simpático e até comprensíbel, na súa ambición de superar os seus complexos debidos á deformidade física mediante o acceso ao poder supremo.

O bardo de Stratford compón un personaxe quizais algo alonxado da realidade histórica, e baseado na visión que presentou Thomas More deste monarca na súa History of king Richard III (1513). Os dous autores teñen interese en contrapoñer a maldade do Plantagenet fronte á dinastía Tudor, reinante entón logo de derrotar Richard III na guerra das Dúas Rosas, e que lles dá de comer. Shakespeare, sen embargo, outórgalle un don da palabra fora do común (…Now is the winter of our discontent: Made glorious summer by this sun of York…) capaz de convencer aos seus adversarios, e incluso á muller dunha das súas víctimas á que enlea para que case con el, o asasino do seu marido.

Mais toda a súa impostura, empregada a fondo na conquista do poder, non lle serve de nada no momento en que a batalla de Bosworth lle é desfavorable, cando ofrece o seu reino a cambio dun simple cabalo para salvar a vida (…a horse, a horse, my kingdom for a horse!…). Todo o poder, toda unha carreira de maldade, traición e corrupción, non vale nin o que unha triste vía de escape.

Os investigadores de Leicester veñen confirmar que o derradeiro Plantagenet faleceu por feridas compatibles cunha batalla, e que padecía unha importante escoliose vertebral, confirmando unha parte da visión Shakespeareana. Curiosamente, tamén, que aquel que na súa versión teatral desespera por cabalo no que fuxir, acabou soterrado debaixo dun vulgar aparcadeiro para coches. Tanta historia para isto.

Aos que aínda hoxe entenden que para chegar ao poder precisan de toda clase de corruptelas, mentres usan e abusan da retórica para convencernos de calquera cousa, aínda da perda de dereitos conseguidos con moito esforzo, recoméndolles reler de cando en vez esta obra mestra de Bill Shakespeare. Ao final, o tempo pon cada cousa no seu sitio.

4 de feb. de 2013

1 comentários :

Danos a túa opinión