Patricia Phelps visita o Gaiás


Redacción.-

A mecenas venezolana Patricia Phelps de Cisneros, unha das persoas máis influíntes do mundo da arte, realizou hai unha semana, o pasado 29 de xaneiro, unha visita ao Museo Centro Gaiás en compañía da súa familia e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; tras inaugurar a semana pasada no Reina Sofía unha das máis grandes exposicións deste 2013. Aproveitando esta viaxe a España, Patricia Phelps non quixo deixar pasar a ocasión de achegarse a Santiago de Compostela e coñecer xunto ao seu marido, o magnate Gustavo Cisneros, o complexo deseñado por Peter Eisenman e achegarse á Historia de Galicia a través da exposición Gallaecia Petrea.

Propietaria dunha das maiores coleccións de arte latinoamericana, Patricia Phelps de Cisneros leva máis de catro décadas dedicada ao apoio e promoción da cultura latinoamericana no mundo a través da unión coas máis prestixiosas institucións culturais. Acompañados por Xesús Vázquez e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; e a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; Patricia Phelps de Cisneros e Gustavo Cisneros tiveron a oportunidade de percorrer un dos edificios máis espectaculares do Gaiás e centro neurálxico da súa programación, ao tempo que descubriron o patrimonio pétreo galego.

Considerada unha das persoas máis influíntes do mundo da arte –ocupa o posto número 27 no listado de 100 que elabora cada ano a revista Art Review-, Patricia Phelps teceu ao longo de todos estes anos unha estreita rede de contactos con importantes museos: forma parte da xunta directiva do MoMA de Nova York, do comité de adquisicións de arte latinoamericana da Tate Modern e máis recentemente do Reina Sofía, onde ademais de impulsar e formar parte da nova Fundación do museo, vén de inaugurar a maior exposición de arte abstracto latinoamericano: La invención concreta. Colección Patricia Phelps de Cisneros. Esta mostra reúne 200 das máis representativas pezas de pintura, escultura, instalación e collage obra gráfica.

Colección Patricia Phelps de Cisneros

A Colección Patricia Phelps de Cisneros é unha das principais iniciativas educativas e culturais da Fundación Cisneros, institución privada sen ánimo de lucro recoñecida a nivel internacional polos seus programas dedicados a mellorar a educación en América Latina e fomentar o coñecemento global sobre as contribucións de Venezuela á cultura mundial.

Con sedes en Nova York e Caracas, a Colección Patricia Phelps de Cisneros carece de museo propio cun obxectivo claro: levar o seu legado cultural a calquera lugar do planeta, permitindo a súa difusión entre un maior número de públicos diferentes, e apoiar institucións culturais que queren incorporar a arte latinoamericana ao seu discurso sen contar con obras ou coleccións propias.

A Colección Patricia Phelps de Cisneros consta dunha colección de arte moderno con obras de artistas latinoamericanos do século XX centrada na abstracción xeométrica; unha colección de arte colonial, que posúe unha gama de pinturas, mobiliario e obxectos relixiosos creados entre o século XVII e mediados do XIX en Latinoamérica; unha colección de arte contemporáneo; e unha colección étnica –a Colección Orinoco-, na que se reúne o maior grupo de documentos e obxectos etnográfcios das doce etnias que habitan na conca do Orinoco, recompilados ao longo de trinta anos de expedicións pola Amazonía venezolana.

06/02/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión