Presentación de 'Man' en Vilalba


Redacción.-

Vilalba acollerá mañá venres 15 de febreiro a presentación do libro Man, o alemán de Camelle, de Beatriz Maceda Abeleira, con ilustracións de Laura Veleiro Suárez, sobre a vida e obra de Manfred Gnädinger (1936-2002), o pintor e escultor xermano que viviu durante anos como un anacoreta en Camelle, no concello de Camariñas, pertencente á Costa da Morte. O acto, organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, terá lugar a partir das 20:30 horas na Casa da Cultura da capital chairega. Será conducido polo escritor chairego Lis García Ferreiro e contará tamén coas intervencións da propia autora, Beatriz Maceda; da ilustradora, Laura Veleiro; do presidente do IESCHA, Manuel Castro Santamariña, así como dun representante da Editorial Galibook.
Sae do prelo esta obra na lembranza de Man, figura moi querida pola autora, Beatriz Maceda Abeleira, ao cumplirense 10 anos do seu pasamento. Foi presentada recentemente en Camelle, dentro dos actos de homenaxe que lle rendiron na súa vila querida. A edición -coidada e ben maquetada- trata de achegar aos máis novos a vida de Man, “para que manteñan vivo o seu espírito”.
Man tratou de levar unha vida o máis simple e natural posible, elaborando esculturas ao aire libre preto da praia onde vivía e coidando o seu pequeno xardín. Naceu e pasou a súa infancia en Alemaña, procedente dunha familia de sete irmáns e estudou arte en Italia. Impartiu crases de arte en Suiza a persoas con problemas de integración social. O seu interese pola preservación do medio ambiente e a curiosidade por coñecer a costa galega conducírono á Costa da Morte. En maio de 1962 chegou a un Camelle inmerso nas festas patronais do Espírito Santo, como se recolle no libro. Desde aquel día aquel alemán solitario, educado, de bo aspecto e con certo aire de turista acomodado, instalouse para sempre no pobo. Durante o accidente do Prestige en novembro de 2002, a mancha de petróleo danou as súas esculturas. Crese que O Alemán deixouse morrer de melancolía e tristeza.

Man, o alemán de Camelle (A Coruña, Galebook, 2012)
Textos de Beatriz Maceda Abeleira
Ilustracións de Laura Veleiro Suárez


14/02/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión