Academia Real "Isaac Díaz Pardo"


Helena Villar Janeiro.-

O pasado 23 de febreiro creouse no Monte da Condesa de Santiago a Real Academia “Isaac Díaz Pardo”, anunciada no acto que en honra ao noso polifacético e benquerido Isaac celebrou un grupo de amigos e amigas en Boisaca o 5 de xaneiro, día do seu primeiro cabodano.

A singular Academia –que será do gusto, en forma e en contidos, do artista e tantas cousas máis- ten como obxectivo realizar actos en honra de Isaac Díaz Pardo e difundir o seu coñecemento e a súa obra. As acción que efectúe serán financiadas cunha pequena aportación anual dos membros reais da Academia e mecenados puntuais dos seus amigos. Non é necesario moito diñeiro cando a xente está disposta a traballar e non existen gastos de persoal asalariado nin de asentamento.

Presídea o Profesor Xesús Alonso Montero, que o imaxino creador desta brillante idea, asistido por Fernando Salgado (vicepresidente), Xosé Ramón Fandiño (secretario), Gregorio Ferreiro Fente (tesoureiro) e Olivia Rodríguez, Dolores Mariño, David Otero, e Martiño Noriega (vogais)

No acto de constitución estiveron presentes 21 membros fundadores aos que se adheriron outros 19. Así pois, en por hoxe, vimos sendo corenta académicos e académicas en disposición de gardar o “lume do pensamento de Díaz Pardo”, en palabras do presidente Alonso, cantidade que aumentará xa que non ten numerus clausus. Non se pode pensar nun conxunto de persoas máis variado e representativo da sociedade civil galega que non podo facer constar nomilmente por asunto de espazo.

A primeira actividade que sairá á rúa de contado é un folleto cos contidos literarios e artísticos do devandito acto de Boisaca. Prosas de Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro, Xosé Ramón Fandiño, Inma López Silva, Martiño Noriega, Xesús Redondo Abuín e Fernando Salgado. Poemas de Carmen Blanco, X. X. Fernández Abella, David Otero, Luz Pozo Garza, Claudio Rodríguez Fer e Helena Villar Janeiro. Músicas de Mini e Mero, as irmás Laura e Mónica Quintillán, e os gaiteiros Manuel Castro Bastero e Elisardo González López.

Durante este mes, organizará tamén un acto en Monterroso –terra do seu gran amigo Lorenzo Varela- no que se divulgará a pouco coñecida faceta poética de Isaac Díaz Pardo, como dous poemas publicados na revista Aturuxo e algunhas letras para os seus carteis de cego.

Fonte: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

04/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión