Ameaza de folga

Xulio Xiz.-

De cando en cando temos ameaza de folgas en sectores sensibles, para forzar decisións que doutro xeito serían difíciles de conseguir. E agora en Vilalba plantéase unha folga da recollida do lixo, se alguén non o remedia, dentro duns días.

Que lonxano aquel tempo no que a limpeza viaria dependía do humor e estado de ánimo do Calexo, do que hai a lenda urbana de que sendo reprendido polo seu xefe directo por atoparse en condicións non aptas para o traballo respondeulle que o tema debíase a que él non era de secano senón, precisamente, “de regadío”.

Anos despois, a recollida empezouse a facer nun camión, e por fin foise profesionalizando chegando a ter na actualidade unha dotación de 14 persoas e estar adxudicada á empresa Urbaser, especializada en servizos aos concellos.

A empresa adxudicataria, que seguro terá tamén os seus problemas pretende conxelar a antigüidade, e rebaixar o soldo un 17%. E ninguén está polo labor de rebaixarse o soldo aínda que as circunstancias actuais obriguen a recortes nunca previstos.

Unha folga deste tipo pon a unha cidade en estado de alarma polas implicacións de todo tipo, especialmente sanitarias, crea un ánimo de derrota, e leva a forzar situacións que non se amañaron mediante o diálogo. Así funcionan as folgas dos servizos básicos en grandes cidades como o metro e os autobuses, e xa non digamos as do transporte por trenes e avións
creando problemas en datas como o Nadal, Semana Santa ou vacacións do verán.

Veume coincidir esta nova coa das cento unha representacións da obra “Vaise pechar outra casa máis” polo grupo de teatro Os Baluros, festa do teatro que se celebrou en Castro de Rei. Pero ao final estou a cavilar de teatro, que moito deso teñen as folgas – manquen o que manquen – nas que se actúa para impresionar ou mover a decidir ao público.

O de Castro, é moi serio, e seguen no seu empeño de seguir impresionándonos co seu traballo e os seus esforzos. O da folga, ao mellor non é nada, pero todas as folgas teñen moito de actuación cara ao público; ou sexa: de teatral.

16/03/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión